Chegou decembro.
Decembro é inevitablemente para min unha cor brillante, unha festa de fogos artificiais na miña retina, aqueles mesmos das fotografías dos calendarios que empecei a xuntar de pequeno e que cheguei a ter por centos nunha caixa de zapatos que se foi desmembrando igual que ían caendo as capas do neno que daquela era. Era chegar decembro e aparecer os calendarios por todas partes. Sei que remataba o ano porque a miña colección medraba de súpeto.
Coleccioneinos durante anos ata que algún día aparvado da adolescencia decidín tiralos, como as caixas das canicas, os álbumes completos de fútbol, ou todos aqueles tebeos que merquei na Lechería Concha do barrio. “Feliz 1972”, dicía un deles sobreimpreso por riba dunha imaxe do portal de Belén. É do primeiro ano do que teño memoria. E só tiña sete anos.
Sempre tiven moita conciencia do paso do tempo. Da mortalidade. De que un día non vou estar.
Por iso decembro na cabeza.
Igual escribo por iso, por ser así, hiperbólico para todo.
Cada decembro resucítanme certas esperanzas. E digo en serio iso de que co cambio de ano todo será mellor. Fago revisión do vivido. E manteño ese costume agora que teño canas na barba e algún roto importante no corazón.
Decembro. Fago memoria. Do que foi. Do que ten que ser. Baixo á cova. Instálome aí. Hai un dragón, unha rata de gadoupas afiadas que quere acariñarme para que saia ao exterior sendo eu máis eu. Sempre é así. E sempre hai luz fóra da cova. Certa presbicia cardíaca impídeme ás veces decatarme de que estou rodeado de luz. E que cando non a hai aínda conservo a capacidade de fabricala.
Decembro. Remata este ano que non foi malo. Crucei baches e peguei algunha hostia que ainda abaneo só de lembrala. Pero sigo en pé.
Decembro.
Un máis.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.