Estiven estes días en Londres, xusto durante as revoltas que todos sabedes. Primeiro de todo debo dicir que eu non tiven nada que ver. E segundo, que polos lugares polos que eu me movín, a cousa non se sentiu máis que nos xornais, que lin a diario con abraio e preocupación.
Dito isto, quero contar só algo lindo que imaxino que xa todos os que me coñecen esperan dalgunha maneira, e é a miña crónica de parte dun dos días, que dediquei a ir a Abbey Road, como sabedes, os estudos onde os Beatles, a miña única adicción confesable, gravaron o noventa por cento da súa música. Xa estivera. Concretamente hai 18 anos. Pero desta vez si que o aproveitei. Probablemente porque hoxe son un home moito máis libre que hai 18 anos.
E debeu de ser por iso que, como vedes na foto, non tiven problemas en parar o tráfico para facerme a fotiño pasando o paso de cebra da cuberta do disco. Pero, iso si, como non a fixera da outra vez. Cheguei alí. Había un xaponés, literalmente, tirado no chan, sobre o paso de cebra, como querendo enchouparse da enerxía que deberon deixar aqueles catro alí o día da foto.
Eu esperei a que non houbese ninguén para cruzar. Outra moita máis xente quería. E hai que organizarse para que non te atropelen, claro.
Así que berrei e dixen que ía sacar os zapatos. Como McCartney. E que ía frío e que iamos facelo rápido e que me tocaba a min e que non me amolasen. E claro, a xente abriu a boca. E alí quitei os zapatos. E crucei feito un señor, descalzo e todo orgulloso e feliz.
Logo busquei a parede onde todo o mundo escribe. Aí estou escribindo e aí vos deixo a mensaxe que escribín. De entre todas elas emocionoume a dunha rapaza de Buenos Aires que lle dicía á memoria do seu pai que estaba alí por el.
Velaquí a miña crónica impúdica. Agora tamén é vosa.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.