menu Menú
DÍA DA BIBLIOTECA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en octubre 24, 2007 0 Comentarios 2 min lectura
APRENDER A ODIAR A LECTURA Anterior LECTURAS DE OUTONO: PONDAL, BAUDELAIRE, POE Siguiente


Hoxe é o Día Internacional da Biblioteca. Cómpre que o celebremos como é debido. Como se celebra a existencia, aínda, dun exemplar dunha especie protexida. Como se celebra o aniversario de alguén que ten moitos anos e que amamos tanto. Tanto.
E que lembremos, de paso, a súa importancia, cando menos, na vida de moitos que xa temos uns certos aniños. Porque teño a sensación de que hoxe xa non é o mesmo.
Digo isto porque, por exemplo, na miña adolescencia, ir á biblioteca era algo cotián para moitos de nós. Recordo como algo máxico ir ao ficheiro e procurar os libros que desexaba, e como eses me levaban a outros, e eses a outros. E eu gozaba anotando os pés de páxina, consciente de que aínda tiña que volver ao ficheiro e coller todos eses libros. A sabedoría, toda, estaba na biblioteca.
Eu imaxino o paraíso como unha biblioteca, dixo Borges.
Lembro a luz das bibliotecas, sempre me pareceu moi branca, moito máis cá outras luces do mundo. Quizais non era así, pero na miña memoria é así. Lembro a sensación, engurrada pero doce, de coller libros moi vellos, e de preguntarme cantos ollos terían deitado as súas pupilas nesas páxinas antes cá min. Acariñar os seus lombos e as súas cubertas, coma fetiches ou tótems fundamentais.
Hoxe, a rapazada non ten como un dos seus lugares habituais a biblioteca. Dependen do google, esa chuleta universal, e se teñen que facer un traballo, poñen o que queren procurar, cortan, pegan, e, desde logo, non len. Para que van ler se en cuestión dunha millonésima de segundo teñen millóns de páxinas que lles dán esa información que procuran pero que, desde logo, non pensan ler. Para facer o traballo é dabondo. Pregúntome, xa que logo, para que se lles manda facer segundo que traballos…
Na biblioteca da miña cidade, agora, só vexo a catro velliños que len o periódico pola gorra, quizais porque non poden facelo no bar, a universitarios desesperados cos seus apuntes aos que de cando en vez lles soa o móbil, alí, nese Territorio Aínda de Silencio e, os días de contacontos, a pais ilusionados que loitan, así, para que os seus fillos amen a lectura tanto coma eles a amaron, a aman e a amarán.
Hoxe é o Día Internacional da Biblioteca. Os xornais seguen a dar a matraca con Fernando Alonso.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar