Estou pasando uns días polo norte de Galicia.
Pasei enteiro o de onte na praia de Santa Cristina de Oleiros. É moi difícil aparcar aí. Contra as 11 da mañá xa estaba todo cheo. Enfilando unha avenida que xa me sacaba da vila, unha muller, de pé, moi recta, gardáballe o sitio “ao coche do meu marido”. Iso me dixo cando lle dixen que ía aparcar aí. Non quixen rifar a esas horas e marchei coa fortuna de que saíu alguén un par de sitios máis aló e puiden deixar o meu coche. Recollín as cousas e tirei para a praia. Ao pasar ao carón da señora, outra estaba berrándolle animando aos coches a que aparcasen alí, “¡¡¡a ver se te atropelan, que non se poden gardar os sitios!!!”. A señora animaba con verdadeiro entusiasmo aos coches que ían pasando para que aparcasen alí. Había un odio tremendo naquela maneira de berrar. A que gardaba e agardaba polo seu marido, non se movía malia os berros e as ameazas. Inmutable.
A xente foi concentrándose para contemplar a liorta e eu marchei refrescarme.
Pasei o día na area e na auga. Xa era de noite cando deixei a praia, así que había sitio a esgalla para aparcar. A muller seguía alí, esperando, naquela praza.
-Que fai vostede aínda aí? – preguntei.
-Espero polo meu home. Para que aparque -sinalou.
Non irei esta mañá á praia de Santa Cristina de Oleiros. Por se acaso.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.