menu Menu
Diario dun náufrago 10 (3 tristes churros)
12 de setembro de 2019
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Diario dun náufrago en Setembro 12, 2019 0 Comentarios 2 min lectura
Assumptes de família Anterior Diario dun náufrago 9 (un conto gore) Seguinte

 

Onte citeime con alguén para traballar nun hotel de Vigo.

Cheguei media hora antes, como adoito facer case que sempre para así tomar algo con calma e ler a prensa.

Era unha hora rara. As 12 do mediodía. Que se pode pedir ás 12 do mediodía? Xa se pode pedir unha caña ou aínda é moi cedo?

Un camareiro ataviado coma un almirante achegouse ao sofá onde estaba eu (un hotel de cinco estrelas, non vou dar máis pistas) para preguntarme que ía tomar. Atribulado pola indecisión, respondín que non tiña nin idea.

-Entón que facemos? – respondeu cuns acenos enfadados impropios dun hotel de tan alta categoría.

Cinco minutos máis tarde, regresou.

-Xa sabe o que vai tomar?

Puxen cara neutra e encollín os ombros. El botoume unha ollada asasina.

Nese instante entrou pola porta unha muller de idade mediana (ou sexa, coma min), arrastrando os pés coma se a alma lle pesase toneladas.

-O de sempre? – preguntou o camareiro cun aire amable que eu lle descoñecía.

-Si, Alberto – xa dei moitas pistas- ponme tres churros tristes cun café con leite.

Ignoro se os Churros Tristes son unha modalidade de almorzo ou algo así, pero me aquela señora me abriu os ollos. Dende o meu sofá, berreille ao tal Alberto;

-Xa sei o que vou tomar!

Dende a barra, olloume con desleixo.

-Tres churros alegres!

Tiven que chamar á persoa coa que quedara para buscar outro hotel. Alberto pediume que saíra de inmediato. Que a el non lle pagan por aturar pirados.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar