menu Menu
Diario dun náufrago 11 (unha cuestión de gusto)
15 de setembro de 2019
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Diario dun náufrago en Setembro 15, 2019 0 Comentarios 2 min lectura
Acto en Nueva York Anterior Assumptes de família Seguinte

Onte, como cada sábado, fun facer algo de compra para cociñar. Adoito ir á mesma panadería para mercar o pan. No centro de Vigo  non é moi bo (se o queredes de calidade, ide ao Forno de Teis), polo que aínda teño que andar un cacho ata onde eu o merco. Ao saír, pillei un anaco de conversa entre tres mulleres á porta da igrexa de Rosalía de Castro:

-Pois a pobre está morrendo e nin probar a empanada puido.

De camiño a casa a frase foime remoendo nos miolos. Coma masa de pan a levedar, precisamente, facéndose cada vez máis e máis grande. “A pobre está morrendo e nin probar a empanada puido”. Renuncio, por suposto, a saber o contexto no que semellante e estraña frase se puido crear.

O que pensei a partir dela foi que, probablemente, cando estamos a morrer, non é certo que vexamos a vida toda nunha décima de segundo. Non creo que nos ataquen unha sucesión infinita á velocidade da luz das imaxes da nosa vida. Eu creo (e sei que o que digo, como case todo o que estou escribindo aquí, non ten base científica) que o que sentimos sucede na boca e son sabores. Que lembramos sabores. Que segregamos saliva para mesturar recordos na boca dos mellores sabores con que a vida nos agasallou. Os das mamilas da nai que nos aleitou, por exemplo. Os beixos sabor chicle de Cristinita no calexón cando era un cativiño. Os sabor tabaco de Maribel no instituto. En definitiva as peles todas que metimos na boca con tenrura, raiba ou paixón.

Eu creo que iso é o que sucede. E senón é así, oxalá que o sexa.

Porque eses son os recordos que quero ter nese momento derradeiro.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar