Na cola do súper apréndese moito sobre a xente. Se un está atento claro. Por aí anda a vida manifestándose, ás veces, de maneira fascinante.
Por exemplo onte. Estaba eu esperando para pagar unha simple botella de auga mineral (que merco cada tarde, coma un ritual cada vez máis asentado, antes de entrar no ximnasio), detrás dunha señora que tería, non sei, preto de 70 anos. Era realmente guapa e levaba lentes de sol e o pelo recollido cun pano de cores. Moi elegante. Era imposible non reparar nela.
Estaba a piques de pagar e sooulle o móbil. Pediu perdón á caixeiro, viu quen era, converteu o seu ricto en serio, e colleu a chamada:
-Si, cariño, estoy en Samil tomando algo con las amigas. No creo que me dé tiempo a llegar. Mejor vas tú solo.
A conversa sería do máis normal se non fose que estabamos no Gadis da rúa Rosalía de Castro, ou sexa, no outro estremo da cidade.
Colgou e dedicounos unha ollada divertida, primeiro á caixeira e logo a min:
-O meu marido, que é un pesado.
Pagou e marchou cun home que a esperaba fóra e que tiña un can deses repoludos. Debía ser cadela porque lle puxeran un chicho do máis ridículo pero que, sen dúbida, facía xogo con ela. Ao chegar, bicouno nos beizos (ao home, non á cadela) e marcharon de ganchete. Ían radiantes, por certo.
A vida é un lugar fascinante.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.