menu Menu
Diario dun náufrago 16 (pobres peixes)
12 de novembro de 2019
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Diario dun náufrago en Novembro 12, 2019 0 Comentarios 2 min lectura
Vídeo da Conferencia titulada LA LITERATURA COM A EINA PER PARLAR DE L'ALZHEIMER ALS INFANTS Anterior Francisco Castro presenta el seu llibre "Em deia Simbad" Seguinte

Os domingos vou á piscina do ximnasio no que estou dende setembro. Coincido cun grupo de pais (case que todos barbados hipsters tatuados) que  nadan cos seus fillos e fillas, algúns deles, bebés. Hai un monitor que lles vai dicindo o que teñen que facer e, a verdade, a cativada pásao de medo. Ou sexa, que o pasan ben. Agás algún que chora como se nadase en xofre, a actividade resulta gozosa para todos.

Na piscina déixanse un par de zonas para que os que nadamos “libre” poidamos facelo con calma.

Logo, coincidimos todos nas duchas e, ás veces, un pilla conversas realmente curiosas.

Este domingo, un pai tentaba dicirlle ao seu pequeno, duns tres anos, que pechase a ducha de vez e que xa tiña que saír para secarse.

-No quiero! -bradou con enerxía.

O papá hipster, con toda a voz melosa da que foi capaz, explicoulle que xa estaba ben lavadiño e que tiña que saír.

-¡Que no! -e desta volta o berro subíu dunha maneira notable en decibelios.

O pai, sen perder a calma, explicoulle que non se podía gastar tanta auga, que non había moita e que había que aforrala.

O pequeno ergueu os ombreiros como dicindo, ¿e a min, que me contas?

Daquela, o proxenitor atopou o grande argumento. Sabido é que aos pequenos e pequenas hailles que falar cunha lóxica que poidan entender. Apelar á responsabilidade ecolóxica, sen dúbida, non era efectivo.

-Tienes que apagar la ducha, cariño, porque si no los pececitos quedan sin agua. Y sin agua, se mueren.

O rapaz volveu repetir que non quería e que quedaba alí.

Eu tería entrado polo cativo e o sacaba sen máis dialécticas, pero el, mellor pai ca min, volveu argumentar na mesma liña:

-¿Pero tú quieres que los pececitos se queden sin agua?, ¿quieres que se mueran, los pobres?

Logo dese argumento vin, por vez primeira, ao cativo poñerse serio, alí, debaixo da ducha. Sen dúbida, o seu señor pai conseguira o argumento definitivo.

-Venga, que si no los pececitos se mueren porque los dejas sin agua -repetiu o papá mentres, toalla na man, se achegaba ao seu cativo.

Este, en inmutarse e dende debaixo daquel chorrazo fervenza quentiño, espetou:

-Y que más da si total nos los vamos a comer fritos en la sartén.

Pois iso. Viva a lóxica infantil.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar