Saio dunha librería-papelería en Sada cun libro máis gordo do que poden soportar as miñas costas na mochila.
Vino vir de esguello e, se non estivese espabilado, levábame por diante. Refírome a un tipo que pasou correndo á miña beira. Roupa de runner e actitude de runner. Uns inalámbricos nas orellas. Roupa rechamante estilo Decathlón. De manual.
Pero ía descalzo.
Parou no semáforo e, sen deixar de dar saltiños, imaxino que para non perder o ritmo, demoreime en contemplar as palmas dos seus pés (non sei se as dos pés son palmas, iso semella máis das mans; un momento! creo que son plantas o que temos nos pés), digo que me demorei en contemplar as plantas dos seus pés totalmente negras e sucias polo asfalto.
O semáforo púxose verde e seguiu correndo.
Eu, máis a modo, cheguei ata unha alameda onde sentei, saquei o libro enorme da mochila para dispoñerme a ler.
Ao pouco, sentou diante de min o corredor de pés escuros. El tamén levaba unha cativa mochila ás costas da que sacou un bote de metal do que bebeu, e, logo, unha goma de borrar. Puiden ver con claridade que era unha goma MILÁN daquelas que eu usaba na infancia.
Con ela, comezou borrarse os pés. Moi a modiño e mollando con saliva de cando en vez a esquina da goma.
Decatouse da miña ollada de estrañeza e, sen que tivese que lle preguntar nada, xa me respondeu:
-Tento borrar a memoria dos meus pés. Porque os pés, como a pel, teñen memoria. E eu quero esquecer certos camiños que percorrín na vida. É o único xeito de podelos percorrer de novo sen dor.
Levoulle algo máis de media hora borrarse os pés. Quedáronlle brancos coma os dun neno que viñese de nacer. Acenou coa cabeza e marchou correndo de novo.
Eu marchei de alí a un pouco co libro sen empezar preguntándome se haberá gomas capaces de borrar corazóns ou certas memorias que un quere esquecer. Borrar os erros cometidos. Borrar todo aquilo que, de saber, non fariamos por nada do mundo.
Entro de novo na librería e pido goma de borrar.
-Teño estas de nata.
-Non, déame unha MILÁN. Por se acaso.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.