menu Menu
Diario dun náufrago 4 (TODA ESA XENTE SOLITARIA)
28 de agosto de 2019
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Diario dun náufrago en Agosto 28, 2019 0 Comentarios 2 min lectura
Diario dun náufrago 5 (PROMESAS E CÁRCERE) Anterior DIARIO DUN NÁUFRAGO 3 (A GOMA DE BORRAR ALMAS E CORAZÓNS) Seguinte

Aparcar en Vigo é algo complexo, por iso, se un atopa un sitio, como a min me aconteceu onte, pois hai que aproveitalo. Isto que vou contar aconteceu preto da rúa Rosalía de Castro, en pleno centro pois da cidade. Eu ía a modiño co coche á espreita de calquera oco que puidese aparecer e tiven a sorte de ver un. O meu coche entraba perfectamente e, modestia a parte, non aparco mal. Sobre todo, porque o meu coche ten un sistema deses que te avisa por diante e por detrás (cámara incluída) para que non te golpees con nada.

Pois iso: que aparquei con moito coidado e habelencia.

Mais, do coche de diante, saiu un tipo con moi malos modos. Gordo e de barbas (isto non quere dicir nada, eu tamén son así) que se dirixía  a min ao tempo que abría os brazos:

-Acabas de darme un golpe, macho!

Eu, dende logo, tiña claro que non lle dera golpe ningún. Os sensores do coche eran definitivos nese sentido e, sobre todo, as tres persoas que estaban comigo no vehículo, ás que mirei sobresaltado e que axiña se apresuraron a dicir que non, que non lle dera golpe ningún, me reafirmaron na corrección da miña manobra.

-Perdoa, pero non che dei ningún golpe no coche -afirmei con seguridade.

Achegouse a min, elevando a voz máis aínda, case no berro:

-Por que mintes? Eu estaba dentro do coche e sei que  me deches un bo golpe!

Tiña dúas opcións: rifar con el ou pasar de todo. Optei polo segundo.

-Pois mira, debín apoiarme ou algo, pero eu non notei nada. Non lle fixen nada, verdade? Pois hala, que teñas bo día!

El sorriu e ofreceume a man.

-Tranquilo, home, que non foi nada.

Marchei coa miña xente a tomar algo por aí.

Cando pola noite me acheguei ao ximnasio ao que vou nadar cando remata o día, diante da porta estaba ese mesmo señor, o gordo de barbas, berrándolle a unha muller con cara de non entender nada.

-Acabas de darme un golpe no coche, tía!

-Pero se non o toquei!

Non o podía crer pero alí estaba a mesma escena. Intercambiaban unhas frases nas que ela dicía que non, e el teimaba en que si, en que non fose unha mentirosa. Ela desculpábase e el lle ofrecía a man que ela estreitaba.

Entrei no vestiario da piscina convencido de que hai xente que está moi soa e que non sabe que facer para entablar conversación.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar