Confeso: merquei o Hola!
Hai uns días cheguei con máis tempo do esperado a un lugar onde tiña que falar. En Vigo, pero nunha parte da cidade na que non paro moito. Saín con tempo porque sei do complexo de aparcar pola zona. Pero a sorte estivo comigo e atopei á primeira. Así que baixei e decidín pasear por esas rúas que nunca visitara e que están moi afastadas dos lugares polos que decote me movo.
Camiñando ao chou, atopei un local onde anunciaban que facían tatuaxes. E sen pensalo dúas veces entrei. Obviamente, non para tatuarme (a día de hoxe non me deu por aí, non sei mañá), senón porque o escaparate era do máis interesante, cheo de produtos estraños, todos eles moi vellos e, sobre todo, porque un cartel anunciaba que dentro había un mercadillo de cosas usadas. Ese foi o gancho para que entrase. E o mercadiño resultou ser un sitio moi suxestivo ao que volverei en canto poida pois haiche de todo. Roupa, obxectos vellos por un tubo, libros aínda máis vellos…
E revistas.
Fun de cabeza a elas. Porque teño predilección polas revistas vellas. Interésanme moito esas pinturas do pasado que son as publicacións periódicas en canto pasan uns cantos anos. Son unha radiografía dun instante perfecta. E por iso teño a revista Life encadernada dende o 60 ao 69, froito dunha herdanza indirecta e que conseguín cando os familiares do finado ían tiralas. Grazas a esa revista podo ver como se contaba, por exemplo, a guerra de Vietnam (sen a censura que hoxe nos impoñen os xestores de Guantánamo), ou, e aí xa toleo, a carreira espacial con aquelas fotos do espazo en tamaño xigante… Da revista Life había moitas. E unha chea de Hola! do ano catapún chimpún. Voraz, comecei a velas pasando rápido os ollos polas cubertas.
Sabendo o que quería buscar.
E atopeino.
Se ampliades a foto, veredes que se di aí: Frenética “beatlemanía” en los Estados Unidos.
Todo un documento para un coleccionista coma min. Porque en 1964, que é cando saiu ese exemplar (custaba 7 pesetas e os temas eran igual de ñoños que os de hoxe: rexoubeos sobre famosos), o réxime franquista emitira unha consigna moi clara para que se silenciase, ou se ridiculizase, calquera clase de información que tivese que ver cos Beatles. Para as autoridades da ditadura (Fraga entre outros), os catro de Liverpool representaban un perigo de orde pública. Por iso, cando ao ano seguinte visitan Madrid e Barcelona, e a pesar de que se produciu a mesma beatlemanía que no resto do mundo, con rapaciñas histéricas correndo detrás dos coches, desmaios, e berros frenéticos durante o concerto, o No-Do sacou unhas tibias imaxes manipuladas ao tempo que insistían en que o seu paso por aquí fora penoso, porque la juventud española es más seria y responsable.
Daquela, é un documento importante que unha publicación conservadora (ese exemplar está cheo de fotos de Franco e a familia nunha gala benéfica), que a día de hoxe segue representando o máis rancio e casposo do clasismo aristocrático egpañó, que se ocupasen, en portada, dos Beatles, digo que é importante porque foron das poucas excepcións que no referido aos grandes medios de comunicación existen, se produciu. Ademais, lendo a crónica (divertidísima, pois falan con total naturalidade de grupo melenudo todo o tempo, ou do ruidoso conjunto musical), o que se nos conta é que as nenas tolean, que nos hoteis da xira hai grandes festas, e que son unha completa revolución entre a xuventude de todo o mundo.
Xa teño o Hola! na casa. E gardado, ademais, con todo o amor do mundo.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.