menu Menu
E LEONARD COHEN PASOU POR VIGO
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Agosto 14, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
LECTURAS DE VERÁN: 'JOHN LENNON: LA LEYENDA' Anterior AS LINGUAS NON SE MOLESTAN Seguinte

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/afmVuTMeFWQ" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Aínda me dura, case que vinte e catro horas despois, a emoción do concerto de Leonard Cohen en Vigo. Será difícil que diga aquí algo distinto ao que, dende a mesma madrugada de onte, estamos a ler en blogs e redes sociais varias. Eu só podo contar todo o que me fixo sentir.

Sorprendeume ver un Cohen de 75 anos en plena forma. Xeneroso, divertido, retranqueiro, e, sobre todo (velaquí a miña falta de orixinalidade na escolla da palabra que vén trala paréntese) elegante. Como todo o espectáculo. Elegante o decorado, unhas simples cortinas longas que, coa maxia da iluminación, ían creando as atmosferas precisas para cada canción. Elegantes os músicos, do melloriño que lembro sobre un escenario. Virtuosos postos ao servizo da poesía que destila Leoanrd Cohen cando canta, cando presenta aos seus músicos ou cando nos falou.  Elegantes as tres mulleres do coro, nas voces, nos contrapuntos perfectos a esa voz granítica do canadiano; voces fermosas, anxos, como na canción de Cohen que vos deixo aquí colgada. E elegante, sobre todos eles, Leonard Cohen, deixándonos absolutamente pampos na seriedade e profundidade coa que asumiu os seus clásicos. que agardabamos sedentos de música, da súa, para dárnolos tal e como os esperamos, conseguindo, así, aínda unha entrega e complicidade aínda máis grande que a que xa lle tiñamos pensado dar só polo feito de térmolo aquí ante nós (actitude, a de Cohen, por certo, ben afastada da do seu amigo Bob Dylan quen se amosa, como fixo en Vigo hai un ano, distante co público e colle os seus temas de sempre para modificalos tanto que costa moito recoñecelos e, xa que logo, gozalos como se merecen).

No medio da noite, unha estrela fugaz cruzou Castrelos. Lanzamos un ouveo que, supoño, deixaría algo descolocados aos do escenario. Pero era a dose de maxia que cumpría para que nós puxeramos a nosa parte.

Recoñezo que non puiden resistir a emoción en dous momentos concretos do concerto: a interpretación de Suzanne, que me recorda tantas cousas e o Hallelujah entoado por todos coma se nos fose a vida nesa canción.

Aplaudín e dei as grazas polo concerto. Sentinme afortunado de estar alí. Sei que será unha desas cousas que xamais esquecerei.

Onte vin actuar un grande de verdade.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar