menu Menu
ENTREI NO CUARTO DAQUELA MULLER DESCOÑECIDA...
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Agosto 10, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
30 ANOS DE DISTORSIÓN Anterior QUE O GOBERNO NOS SALVE! Seguinte

(AVISO: HAINO QUE LER ATA O FINAL)

Esta tarde pasoume algo que antes nunca me sucedera. E nun ataque impúdico cóntoo aquí e agora.

Non vou revelar que foi que fixo que entrara no cuarto daquela muller descoñecida. Como todo mobiliario, unha cadeira e unha especie de camilla branca. Antes de que puidera dicir nada ordenoume que me descalzara. Tal fixen sen protestar. Ela tiña o cabelo roxo e cheo de rizos. Un cabelo fermosísimo. Eu estaba algo nervioso e supoño que se me notaba. Nunca antes fixera algo así.

Deixei os zapatos a un lado e ela conectou algo que vibraba. Fiquei sorprendidísimo. Dende logo que non o esperaba. Aquela era unha vibración lenta, pero constante. Algo quente e pracenteiro, debo recoñecelo.

– Vou marchar un rato. Ti quedas con isto posto aí.

Quixen dicir algo pero non me deixou:

– Toma. Le.

E deume un libro e así quedei, durante uns dez minutos con aquilo vibrando e un libro sobre non sei que temática que, por suposto, non lin.

A vibración, ao comezo, deume gusto. Despois, comezaba xa a ser algo  molesta. Pero por fin volveu.

Apagou a vibración.

Colleumo coas dúas mans. E comezou a traballalo de vagariño. Con movementos firmes. Apertando onde cumpría. Sendo delicada onde adiviñaba que todo era máis sensible. Supoño que a miña cara revelaba a máis profunda das sorpresas. Non esperaba que fose así. Ela non falaba. Limitábase a darme ordes.

– Ponte así.

Ou: – espera, mellor apoiate aquí.

Debeu notar algo, non sei o que, que se ergueu para traerme un coxín que me puxo tralas costas.

– Así estarás máis cómodo.

E acertaba.

Todo rematou despois duns quince minutos. Coas mans cheas daquela crema quentiña, embadurnoumo todo.

Non me deu moita tregua e comezou de novo. O mesmo. Mais desta segunda vez noteina un chisco cansa e, xa que logo, deume a impresión de que corría máis do debido para acabar canto antes. E abofé que o conseguiu.

Outra vez a crema, nunha masaxe absolutamente deliciosa que fixo que pechara os ollos. Feliz.

Saín encantado daquel cuarto despois de lle pagar e dar as grazas.

Nunca antes me fixeran unha pedicura. Marabilloso o invento da auga onde metes os pés e vibra quentiña. Despois, como me foi traballando deda a deda, limando aquí, curtando aló. Unha delicia. E a masaxe final coa crema hidratante, primeiro nun pé, logo no outro, fantástico.

Por certo: ¿que estabades pensando que era o que vos estaba a contar?


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar