menu Menu
ESTAMOS AQUÍ
Discurso lido no acto de Vigo Antifascista o 20/7/22 na Porta do Sol de Vigo
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Para ler en Xullo 21, 2022 0 Comentarios 3 min lectura
“ISTO SI É UN HOME. UNHA MIRADA MASCULINA CONTRA O PATRIARCADO” DE FRANCISCO CASTRO Anterior Cero coñas Seguinte

Estamos aquí para facer memoria. Porque a memoria, faise. A memoria dos pobos non aparece porque si, non cae do ceo e moito menos dos púlpitos ou dos cuarteis. A memoria facémola entre todas e todos, a sociedade civil libre, liberada, maiore de idade e sen tutelas. A memoria do que debe ser constantemente relembrado. A memoria do que non debe ser esquecido.

En xullo de 1936, tal día coma hoxe, o fascismo español comezaba aquí mesmo o exterminio inocentes que cometeran o delicto, que non era delicto, de manterse fieis á legalidade. Que disparate foi aquel intre histórico no que as persoas decentes eran etiquetadas como rebeldes e malos patriotas e os fascistas, os golpistas, os asasinos, laureados como heroes, salvapatrias e exemplares. Que desatino histórico. Que vergonza colectiva.

Estamos aquí para que a diginidade goberne o mundo. Porque mentres esteamos aquí para lembrar o exemplo de dignidade dos antifascistas aquí asesinados, o mundo será, á súa vez, máis digno. Estamos aquí para contrarestar o discurso fascista hoxe blanqueado polas institucións, por partidos políticos tibios, que ou ben non condenan ou ben, directamente, aceptan pactar para así ter poder, aínda que certos pactos sexa como volver fusilar de novo a todos os que aínda dormen nas cunetas, no esquecemento dun estado español que non fixo nada por buscalos, por devolverllos ás súas familias. Un estado, pois, indigno.

Estamos aquí porque somos xente decente e porque non queremos comungar cunha historia feita para elevar aos altares a asasinos que aínda ata hai nada enlixaban as paredes das igrexas cos seus nomes. Que clase de país é este onde os verdugos reciben honores de estado, se lles dá o seu nome ás rúas ou se lles deixa descansar dentro de igrexas e catedrais? Estamos aquí porque non queremos ese mundo para as nosas fillas e fillos. Estamos aquí porque somos orgullosos herdeiros dos que aquí deixaron a súa vida pola nosa liberdade.

Os asesinados daqueles días no que comezou o Xenocidio dun pobo, deron a súa vida. Moitos deles non o sabían pero o seu sangue alimenta coma sabia fresca o rexo tronco da árbore do noso futuro. Republicanos e dignos, sabemos que as nosas palabras conectan con eles, que as nosas verbas acariñan o seu derradeiro alento logo das balas disparadas por aqueles criminais daquela mal chamada “guerra civil” e que foi o que foi: un golpe de estado fascista contra dunha democracia europea moderna, homologada ao resto dos países civilizados.

Estamos aquí porque cremos na República como a  máis xusta das organizacións políticas posibles, porque cremos nos valores da Institución Libre de Ensinanza, porque cremos nas lección de Bóveda, na Galiza de Castelao, na cultura democrática, no valor da palabra e da discusión racional, da escola pública e da Igualdade entre todas as persoas que forman a sociedade. Todo o que  negou o franquismo. Estamos aquí porque queremos máis Enciclopedia e menos catecismo.

Hai 86 anos, neste mesmo lugar onde hoxe reinvindicamos a memoria dos nosos mártires, deu comezo o xenocidio dun pobo. Hoxe, millóns de españois están dispostos a mercar o argumentario dunha ultradereita que nega que iso fose así e que queren devolvernos á tristura cultural, emocional e política dos anos 40. Que saiban que non imos consentilo. Que saiban que nos teñen enfronte. Que saiban, os que aquí deixaron a súa vida, que loitaremos, ata o alento final, pola súa dignidade e pola súa  memoria. Que non esquecemos. Que nunca imos esquecer.

Moitas grazas.

antifascismo


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar