menu Menu
ESTE DÍA DAS LETRAS DEBE SER UN VERDADEIRO DÍA DAS LETRAS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Maio 11, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
ANTONIO VEGA E A POESÍA Anterior SCARLETT JOHANSON, STEPHEN KING E EU Seguinte

Durante moito tempo mantiven que había que darlle unha volta ao Día das Letras, que había que ver o xeito de o conectar coa xente, que había que quitarlle solemnidade e traer a festividade á rúa, á xente, a ti e a min. Este ano, non teño nada que dicir sobre iso. Porque este 17 de maio estaremos en Compostela manifestándonos pola lingua nosa e, xa que logo, conmemorando a festividade con plena consciencia do que estamos a protexer, a demandar, a coidar, a amar, a sentir.

Este Día das Letras, ademais de para servir para homenaxear a Uxío Novoneyra (de quen xa tomaramos frase na anterior ocasión reivindicativa), ten que ser un verdadeiro Día das Letras, e a cidadanía ten que volcarse nese acto cívico que vai ser a manifestación de Compostela.

Haberá que esforzarse en que se entenda que non é unha manifestación contra o Partido Popular. Se alguén quere que se vexa así, pois vale. Pero non debería enfocarse dese xeito. De feito, estou certo de que moitos votantes do PP estarán alí con nós o luns, porque non se sinten identificados con esa parte da súa política; ten que entenderse -iso paréceme fundamental- que non é un acto, tampouco, a prol de determinadas opcións políticas. Haberá quen queira velo así. Haberá, sen dúbida, a quen lle convén velo así e instrumentalizalo no seu favor. Alá eles, tamén.

O que interesa, na miña humilde opinión, é transmitirlle a todos os Bos e Xenerosos e Boas e Xenerosas que nesta terra hai, que ven sendo a meirande parte da xente, que temos un Día das Letras Galegas que merece, e oxalá que non fose necesario, este ton reivindicativo, loitador e resistente, porque as circunstancias son as que son. E que como queremos seguir soñando un futuro en galego (non en búlgaro nin finés senón na lingua propia) temos que poñernos, este día de festa, ao servizo dunha pancarta que, no fondo, que ninguén se trabuque (en especial os que queren falar de conflito)  fala de amor.

Que este Día das Letras Galegas sexa, de verdade, un Día das Letras Galegas.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar