Que tristiño é ter un Valedor do Pobo que non nos vale, inválido, xa que logo, no senso máis retranqueiro da palabra.
Sen embargo, e dito isto, cómpre que, ademais de responderlle con dureza e con retranca, como fixemos dende o primeiro día, é importante que non esquezamos que o que este señor está expresando (aínda non o dimitiron?, como é posible?, non o creo!!!! ) non é máis que o que moitos galegos e galegas, quero dicir, muchos gallegos y gallegas pensan sobre o galego e, sobre todo, sobre esa etiqueta, que lles dá arrepío, que lles fire, que lles pica na vergonza, de lingua propia, é dicir, lingua deles, que naceron con ela, que a teñen pegada na pel, no pensamento, que non poden escapar, ahhhhhhhhhhhrgggggggggggg (cantas veces oímos iso de no te sé, en castelán falantes????)
Ese é o país que temos (a palabra país tamén lles fai pupita): unha sociedade que sigue rexeitando a lingua de seu, que lle dá noxo o acento, que lle gustaría ser de madríz, que se sinte mal cando lle detectan o sotaque por aí, que devece por dicir osea con aire pijo no medio das frases. Esa é a Galicia real. E é importante que non o esquezamos, non para suicidarnos e tirar a toalla, senón para tentar cambiar a situación. Porque están errados, porque están contaminados, porque están acomplexados. E ninguén merece vivir no erro, na contaminación e no complexo de inferioridade.
Daquela, entendamos que moitos e moitas galegos e galegas non sinten como propio nada que teña que ver con Galicia, agás os éxitos de Zara, as nécoras e, como moito, Xan das Bólas.
Iso é o que teño que dicir sobre isto: que precisamente ata aí estou. Ata as bólas.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.