menu Menú
EU QUERO SER UN PALLASO
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en diciembre 6, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
EU, REPUBLICANO, QUERO DICIR ALGO SOBRE A MONARQUÍA Anterior NON ME CHAMEN MÁIS!!! Siguiente


Tiven que ocupar o luns, xa que estaba de ponte, en asuntos de bancos, xa sabedes, nesas ONGs ás que tanto preocupamos e que non dormen pensando nas nosas angueiras e na crise. O asunto era que tiña que actualizar unha serie de datos para poder realizar determinados trámites.
Todo ía moi ben ata que chegamos ao instante no que a amable señorita de atención ao cliente (igual deberían de chamarlle a estes servizos, a partires de agora, de Atención ao Paciente), preguntou que cal era a miña profesión. Expliqueille que era Editor. Púxose a buscar nunha plantilla que, segundo me explicou, ofrecía todas as posibles profesións e, con marcar unha, pois xa estaba.
Despois dun tempiño de ir para arriba e para abaixo e despois de pregar o cello e achegarse moito á pantalla, como se non vise ben, informoume:
– No, editor no puede ser.
– ¿E logo por que? – preguntei preocupadísimo.
– No me sale como profesión -respondeu moi seria mentres seguía buscando.
Incorporeime para poder ver eu tamén e poderlle botar unha man.
Buscamos e buscamos ata que apareceu unha pestana que dicía algo así como «Comunicación».
-Abre aí, que igual aparece.
Fixo, e sairon Actor, Toureiro e Pallaso.
Miroume moi seria, imaxinando o que eu estaría pensando.
– ¿Podo pedirme pallaso?
Xa sabedes que non me deixaron. Os bancos son así.
Non contemplan aos editores como posibles clientes. E cando lles aparece un, non lle dan o gusto, xa que a súa non aparece, de poñerse a profesión que lle pete. Xa que o meu traballo non o imaxinan como posibilidade e non a puxeron, cando menos deberían permitirme solucionalo a base de imaxinación. A eles que máis lles dá.
Pero non me deixaron e son, para ese banco, oficialmente, «Traballador por conta allea». Sen máis. Co ben que lles quedaría entre a súa nómina de clientes saber que teñen un pallaso que fala galego, edita e escribe libros en galego… Que pouca visión de negocio mimá.
Así que si: a culpa da tristura esta toda, é dos bancos.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar