menu Menú
FACER POLÍTICA EN BÓLAS (UN POST SERIO E POSTMODERNO)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en marzo 14, 2010 0 Comentarios 3 min lectura
QUE LLE DEAN O NOBEL A JUAN MANUEL DE PRADA Anterior ESTE VENRES RECITO EN VIGO Siguiente

Eu díxeno hai un par de días, pero é obvio que estaba de coña.

Pero agora hai quen vai en serio. E non creo que tirase a idea do meu blogue.

A expresentadora da televisión colombiana, María Fernanda Valencia (a das fotos), prometeu que, se saía elixida para a Cámara de Bogotá, posaría espida para a revista Soho, unha especie de Interviú pero máis carnal, de Colombia (o nome da publicación ven de Solo para Hombres… supoño). Non é necesario explicar que na campaña electoral non se fala doutra cousa.

O asunto, lonxe de parecer unha parvada sen importancia, é sen embargo interesante como punto de partida para unha análise máis ou menos seria.

Aló polos anos oitenta do século pasado, filósofs que lin e estudei moito, e que me gustaron e me gustan como Lyotard e Battimo e Lipovetsky e todos aqueles postmodernos diagnosticaron e afirmaron a fin das ideoloxías e o nacemento da postmodernidade. Vale. Pero o que non podiamos imaxinar (ou si, claro que si, esta especie humana é idiota de todo e repetimos e repetimos as mesmas mamelucadas unha e outra vez) é que esa morte dos discursos fosen desembocar en Rosa Díez, a peineta de Aznar, Ana Rosa Quintana escribindo libros e un xeito testicular de exercer o poder que é de todo menos democrático. Aquí digo Berlusconi ou digo Putin da cabalo marcando-bíceps-táboa de chiculate-fusil-en-man.

O asunto, insisto, ten o seu aquel. E ten moito que ver cun futuro que imaxino (eu tamén quero xogar a postmoderno) cheo de Johns Cobras que, a golpe de agarrada de güevos, ou de expresentadoras de televisión ou perruqueiras de barrio, tanto me ten, a golpe de pezón, se convirtan nunha opción válida só por iso. Aí está El Chiquilicuatre. No seu día foi Gil. Antes, Hitler. Todos eles elixidos democraticamente. ¿Alguén dubida que se Belén Esteban iniciase carreira política non tería posibilidades? ¿E por que non había telas? Á xente de cada vez máis mólalle o discurso simpliño, directo, de xente que di o que pensa.

O problema, é que toda esta xente non pensa o que di.

Belén Esteban ou Paquirrín ou a nai que os botou a todos.

As ideoloxías morreron, de acordo. Pero o sistema democrático sigue, cando menos na teoría, vivo. Se de cada vez os candidatos rebaixan máis a altura do seu discurso, levándoo a niveis de Sálvame De Luxe, para ser entendidos, ou de Pressing Catch (os «debates electorais» Rajoy-Zapatero teñen de debate o que eu de modelo capilar), as consecuencias só poden ser a idiocia colectiva ou, peor, o fascismo.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar