menu Menú
Facerse rico escribindo
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en octubre 30, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
DESPOIS DO GALEUSCA 2010 Anterior DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: 'Chamádeme Simbad' Siguiente

Algunha vez xa escribín que teño unha absoluta debilidade polas biografías dos grandes do rock and roll. Como bo músico frustrado, imaxino que entregarme á lectura (en verdade entolecida: deixo outros libros que estea lendo cando algún destes cae nas miñas mans) deste tipo de libros (moitos deles superficiais e refritos doutros xa escritos antes, pero tanto me ten, os adictos somos así) fai que inconscientemente viva, ao lelas, as aventuras de sexo, drogas e r’n’roll dos pioneiros desta historia.

E así, estiven unha morea de veces no Hamburgo dos primeiros sesenta cando aos Beatles non os coñecía ninguén e tocaban oito horas diarias diante de borrachos perigosos e entre bailarinas de streptease; e así vivín con Leonard Cohen as angueiras artísticas do comezo da súa carreira, cando non sabía se quería ser poeta ou músico. E quen di eses casos di un cento.

Agora, deixo aquí escrito que, e xa que veño de cumprir anos, que se alguén se anima que me regale (que papo tes, Francisco) a biografía de Keith Richards, o Rolling guitarrista e, probablemente, o máis malo entre os malos de toda a historia do rock. Quero saber das súas orxías, da súa experimentación coa vida e con todo, de como Chuck Berry, con aqueles punteos gloriosos, o seduciu para sempre para a música cando era pouco menos que un adolescente.

E, sobre todo, quero que me dea a fórmula para facerse rico, tamén, escribindo.

Porque a editorial que lle publica o libro de memorias deulle, como adianto (é dicir, pensan ganar máis, e aínda vai tocarlle máis do pastel), cinco millóns de dólares.

Ketih Richards ten moitos méritos. Este, o de sacarlle tanta pasta á escrita é, sen dúbida, o máis meritorio de todos.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar