Este xoves celébrase en todo o mundo -cousas de ianquilandia– o Día da Diversión no Traballo. Leo por aí e por aló que hai que organizar unha festa na empresa para celebralo como é debido. Leo a nova e bótome a rir. Porque hoxe coñecemos tamén como vai o do paro. Como lles caerá a eses millóns saber que mañá hai que celebrar unha festa á que non están convidados…
Todo isto, que é unha parvada, vén da cultura estadounidense da Eficacia e da Optimización dos Recursos Humanos e todas esas pervensión tendentes a facernos crer que non estamos diante dunha maldición bíblica, ou de quen sexa, senón diante dunha bendición. Hoxe mesmo alguén o dicía así en Radio Nacional, pola tarde, que o traballador ideal é aquel que vai ao traballo entendendo que é o mellor que pode facer na vida. En cursos e másters variados fálase disto, de que hai que ser líderes que leven aos traballadores pola senda da alegría; organízanse seminarios de motivación a través da risa; encontros de fin de semana nun parque de atraccións para facer grupo… vale, todo moi interesante e probablemente moi edificante, pero que ninguén se deixe enganar: isto faise para nos explotar racionalmente mellor. Ou sexa, sen que nos decatemos de que nolo están facendo.
Eu dediqueille, en parte, unha novela ao asunto. E dende logo, non estou polo labor de pensar desa maneira. A pesar do moito, por certo, que gozo do meu traballo. Pero esta xaponización da existencia non vai comigo. Mellor que traballar prefiro ler, escribir, tocar a guitarra, pasear, papar moscas, ver obras do concello, fitar mozas guapas sen vergonza, falar con descoñecidos, ollar pola ventá como vai chegando a primavera… Ocórrenseme cen millóns de cousas que facer. Cen millóns de cousas coas que ir enchendo, de verdade, a vida.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.