Hoxe acodín, como un veciño máis, a unha xuntanza con outra xente do barrio para vermos de facer unha plataforma para pedirlle cousas ao alcalde, que nos atenda e tal e tumba e veña e dálle. Os promotores da mesma, xente boa e con gañas de facer que todo mellore, prepararon unha abondosa documentación, toda en castelán. A xuntanza foi ben e creouse unha xestora. Durante a mesma, a xente referíase á rúa polo seu nome en castelán.
Rematado o acto, dirixinme á xestora para lles ofrecer o meu apoio para o que fose. Mais aproveitei para lembrarlles que o único nome oficial da rúa era o nome en galego e que, xa que logo, a Plataforma debía chamarse co nome da rúa en galego. Miráronse entre eles e déronme a razón. Despois, díxenlles que me ofrecía para traducir toda a documentación que xerasen as asambleas, peticións ao concello, e calquera outra clase de material, á nosa lingua, e que esperaba que, no sucesivo, as convocatorias se fixesen nas dúas linguas. Volvéronse a mirar entre eles e dixeron que así sería e que lles parecía ben. Expliqueilles que se querían que fose por unha cara da folla en castelán e pola outra en galego, que non tiña nada que dicir, pero si se o que iamos asinar todos os veciños só estaba en castelán. Non deixei de poñer o meu mellor rostro durante toda a conversa. E volveron darme a razón e quedamos en que así será.
Daquela, comecemos a nosa campaña a prol do galego na práctica. Igual que outros esixen que a cartelería tamén estea en castelán, pidamos que tamén estea en galego. Fagámoslle saber aos do bar que agradeceríamos que a carta tamén estivese en galego, que nós lle damos valor a iso, que para nós é importante. Que saiba o do banco que estaremos encantados de lermos a documentación da hipoteca se nola pasan tamén en galego.
Pasemos ao ataque cívico. Esixamos tamén nós os nosos dereitos. Coa mellor das caras. Sen perder o sorriso. Como que é, que o é, algo lóxico.
Eu xa estou en campaña. ¿Quen se anima?
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.