menu Menu
FÓRA AS CLASES DE RELIXIÓN DO ENSINO XA!!!
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 28, 2012 0 Comentarios 2 min lectura
ISTO SÓ SE AMAÑA CON AMOR Anterior A SEMANA QUE VÉN, 'O NENO CAN' NAS LIBRERÍAS Seguinte

Leo en Religión en Libertad (non se apuren, cheguei aí polo titular vía twitter), que os bispos consideran que hai unha campaña mediática para que os pais e as nais non anoten en clases de relixión aos seus fillos e fillas. Xa saben, coma se fosen menores de idade e medio parvos, os proxenitores esperan a ver que é o que lles di o xornal ou a radio (agás que escoiten a COPE, claro), e daquela deciden se os meten en relixión ou non. Concretamente, o secretario xeral e portavoz da Conferencia Episcopal Española, Juan Antonio Martínez Camino, aproveitou para queixarse de que a lei (esa á que eles non sempre se consideran suxeitos; dende Agustín de Hipona, século IV da nosa era, tense moi claro que as súas leis están por enriba das que decida a sociedade) que non lle gusta, digo, que a lei lles obrigue á readmisión dunha profesora de relixión que se divorciou e que fora despedida, precisamente, polo bispado e por este feito. E tamén lembrou que escoller a asignatura de relixión é un dereito constitucional.

Pois quizais aí é onde está o problema. En que é un dereito constitucional. Pero que o sexa non ten por que implicar que iso estea ben. Na Constitución, de feito, hai unha morea de parvadas que habería que mudar. Por exemplo, as mulleres son consideradas inferiores, cando menos para asumir a xefatura do estado (eu xa expliquei que son republicano pero, en calquera caso, e xa que hai que aturar a monarquía, eu quero de raíña a Elena, que foi a que chegou primeiro).

Eu creo que o ensino debe centrarse en impartir verdades comprobadas cientificamente. O sintagma nominal é o que é, e non lle hai que dar máis voltas; a teoría da evolución é correcta, indiscutiblemente; o raíz cadrado de catro é dous, aínda que a alguén non lle guste. Pero que o Papa é infalible, que temos unha alma pecadora que pode arder no inferno, que as relacións sexuais sen fins reproductivas son malas, etc. iso, en principio, non semella nada claro que teña que ser contado nun centro de ensino, por moi dereito constitucional que sexa, e, moito menos, nunca debería ser obxecto de avaliación.

Así que o meu berro de hoxe é o que encabeza estas páxinas.

Fóra as clases de relixión do ensino xa. Que o fagan na catequese. Ou onde decidan. Pero non no ensino.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar