menu Menú
GALICIA É BAOBAB
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en febrero 8, 2010 0 Comentarios 1 min lectura
MALDITO POCOYÓ Anterior LECTURAS DE INVERNO: 'EL ALQUIMISTA' DE LOVECRAFT Siguiente

Unha gastroenterite vírica deixoume absolutamente fóra de xogo durante a fin de semana.

Daquela, pasei o día pechado na casa, collendo folgos. Nun determinado intre da mañá, pasei polas teles. Debe de ser terrible estar na casa pola mañá vendo a tele. Porque a oferta é criminal. Fuxín de teletendas – a centos – duquesas de Alba, Pantojas e Anas Rosas – a milleiros – e finalmente cheguei a un documental sobre baobabs, xa sabedes, esas árbores grandes que, eu non sabía, son metáfora perfecta da nosa terra.

Porque o baobab é a árbore escollida polos elefantes para afiar os seus cairos. Os elefantes arríncanlles violentamente anacos gordos da súa pel, e crávanlle o marfil para exercitarse. Calquera outra árbore morrería de certo con semellante ferida. O baobab aguanta e, en canto ten ocasión, fabrica nova cortiza para se protexer, nácelle de novo. Segue adiante. Con ela non poden.

Galicia é baobab.

Outras veces, elefantes máis feros ou furiosos, golpean nos baobabs ata que conseguen tiralos ao chan. Mais o baobab é a única árbore que, a pesar das tentativas de acoso e castración e doma, é quen de sacar novas raíces e, dende calquera dos seus lados deitados, chantalas de novo na terra para seguir vivo.

Galicia é baobab.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar