menu Menu
HAI QUE ABRIR MÁIS BIBLIOTECAS EN GALICIA
Perdéronse 46 bibliotecas dende o ano 2010
Por Francisco Castro Publicado en Consello da Cultura Galega, Textos para o debate, Uncategorized @gl en Maio 10, 2020 0 Comentarios 3 min lectura
A pandemia das "fake" Anterior Rexistro de soños 13 Seguinte

O Consello da Cultura Galega vén de facer público un Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega no que se estuda en profundidade cal é a situación do tecido bibliotecario do noso país. Hai conclusións moi interesantes, como é o feito de que cada vez usamos máis as bibliotecas. Aínda que, paradoxalmente, cada vez se dan menos libros en préstamo, o que semella indicar que moita xente non vai á biblioteca a por libros senón a ler ou, como sinalan os indicadores, a facer consultas por Internet.

O informe sinala que o libro electrónico vai gañando espazos nas bibliotecas, aínda que dunha  maneira moi tímida, e que Galicia ocupa o oitavo posto no número de bibliotecas no conxunto do Estado.

Na parte fea temos datos que hai que tentar corrixir. Un dos máis perigosos é que se prederon un total de 46 bibliotecas dende o ano 2010, ou sexa, case medio cento de lugares onde poder acceder a libros de balde. Certamente, é o mesmo que acontece no resto das Comunidades Autónomas de España, o que fai pensar que a crise arramplou con elas. Malia todo, o número de bibliotecas en Galicia por cada 100.000 habitantes é dos máis altos de España. Unha noticia aparentemente boa. Pero que o resto estean peor non implica que nós esteamos ben. Perder espazos onde ler, onde atoparse cos libros, onde estudar con material ao alcance da man, con profesionais que me poidan aconsellar é tráxico. Para o que nos ocupa e preocupa, 46 veces tráxico.

No número de volumes, as bibliotecas de Galicia están máis ou menos coma o resto das do Estado, no que se refire a libro físico. Nembargantes, estamos por debaixo significativamente no que ten que ver co libro electrónico (2,9% en Galicia fronte ao 8,5% no conxunto do Estado). Esta é unha eiva que cómpre corrixir, sobre todo tendo en conta que a rapazada máis nova xa ve a lectura en dispositivos electrónicos coma un hábitat tan natural coma o papel para a letra impresa. Tendo en conta os custes enormes que a nivel editorial implican a produción de ePubs para facer os eBooks, será interesante que a Administración atopase mecanisos para axudar a que os editores poidan producir máis títulos neste tipo de formatos que as bibliotecas, de cada vez máis, deben ir demandando para darlle servizo a quen así o desexe.

Outro dos datos preocupantes é que a rapazada é  moi pouco usuaria das bibliotecas agás como lugar de estudo cos propios apuntamentos. O usuario e usuaria tipo das bilbiotecas é público adulto.

Finalmente, o informe destaca que no referido a postos de lectura o número de bibliotecas que contan cun número de postos que vai entre 50 e 99 ou con máis de 100 é máis baixo en Galicia que na media estatal. Igualmente, o noso país perdeu un total de 33 empregos entre 2010 e 2018. Vale que no resto do estado tamén foi igual pero, como antes diciamos, que tamén sexa así no resto de España non nos debería servir de consolo.

En definitiva e como levamos anos dicindo, o nivel de calidade de vida dunha cidade, dun país, mídese tamén cos indicadores referidos ás bibliotecas, o seu número, o seu uso e a cantidade de profesionais que nos poden atender desde elas. E estes datos non son bos polo que temos que animar ás distintas administracións, locais, autonómicas, estatais, a investir máis nun servizo que é un ben global que nos beneficia a todas e a todos.

 

bibliotecas consello da cultura galega ebooks epub observatorio da cultura galega


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar