menu Menú
HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 11 (CONTO DE REIS CUN DÍA DE RETRASO)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en enero 6, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
UNHA ANÉCDOTA REVELADORA DO EFECTO DESGALEGUIZADOR DO ENSINO Anterior SEGUNDA EDICIÓN PARA 'CHAMÁDEME SIMBAD' Siguiente

baltasar

De pequeno non me levaban ás cabalgatas de Reis. Sempre se me agasallou  moito ese día, é ben certo. De feito, fiquei moi sorprendido cando me botaron a bicicleta porque eu non a pedira. Tiña seis anos e aí é cando comecei a sospeitar. Daquela, na miña infancia, o ambiente de Reis nunca se vivíu con moita intensidade, por non dicir que con ningunha intensidade.

E debe de ser por iso que agora o vivo con ilusión, e levo aos cativos a todas partes, ao Carteiro Real, e a todas esas cousas.

Onte, antes da cabalgata, no portal do edificio, esperando polos meus, estaban xogando un rapaz e unha rapaza duns cinco anos aproximadamente. Ela, moi espelida, faloume toda seria:

– Puez yo voy a ir con mi papá y mi mamá ahora a la cabalgata de los Reyes.

– Eu tamén -contestei coa mellor das miñas caras. E de seguido engadin – de feito, teño unha chamada de Melchor para que non falte.

Foi dicir iso e os dous cativos abriron os ollos apampados e deron un par de pasos cara min. Eu, impertérrito.

– ¿Te llamó Melchor por teléfono?, ¿zi? – dixo a pequena.

Saquei de móbil.

– A ver, espera – comecei a facer como que tecleaba, e, nun murmurio, como se falase para min- últimas chamadas…. non, non foi Melchor, foi Baltasar.

Os dous tiñan a boca aberta e, sen dúbidas, non sabían que dicir, así que seguín:

– É que hai uns anos tívenos merendando na casa antes da Cabalgata e así nos fixemos amigos e agora sempre me chaman.

A cativa aclaroume que Baltasar era o seu favorito. Eu rematei a conversa dicíndolle que estivera tranquila, que xa eu lle lembraba que non se esquecera de pasar pola súa casa.

A miña familia baixou e marchamos á Cabalgata. Eu, rindo por dentro pola miña fedellada.

Cando rematou, decidimos achegarnos ata as Súas Maxestades. Cando por fin chegamos, vin á meniña baixando dos xeonllos do Rei Baltasar.

Mentres outro cativiño se achegaba, el díxolle á nena do portal:

– E vai tranquila, que xa un amigo me dixo que non me esquecera de pasar pola túa casa.

A nena, ao se cruzar comigo, sorriume toda chea.

Eu marchei para casa, alucinadiño perdido.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar