menu Menú
HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 12 (CRÓNICA DUN MUNDO RARO)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en enero 13, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
HOMES LENDO, MULLERES LENDO Anterior O GALEGO IMPORTA UN CARALLO DE MICO (CON PERDÓN) Siguiente

cruce_3

Este é, definitivamente, un mundo raro.

A media tarde saín na procura dun caixeiro automático. Entrei no que teño ao carón da casa. A pantalla estaba chea de cuspe. E polo xeito en que escorregaban aqueles líquidos (perdón pola porcallada) notábase que había ben pouco que o deixaran alí. Pensei: que mundo máis raro no que a xente cuspe sobre os caixeiros.

Saín e fun cara o seguinte. Este xa na rúa. A pantalla estaba igual. E daquela deume por pensar que había un movemento anticapitalista que fai que os seus adeptos cuspan sobre os caixeiros automáticos. Tentando non enluxar os dedos, saquei a cantidade que precisaba e marchei. Cavilando neste mundo raro.

Parei nunha tenda do barrio. Nunha esquina, vendían preservativos co logo (segundo dicía na caixa) do teu equipo favorito de fútbol. Unha chea a escoller. Si, un mundo raro. Preservativos co escudo para seareiros.

Saín da tenda e botei a camiñar cara o súper. Paradas na porta, dúas rapazas mormonas, xa sabedes, vestidas de branco e negro. Unha delas, unha morena, guapísima. Fiteina descaradamente aos ollos. Ela mantívome a ollada e, nun perfecto acento estadounidense espetoume ao tempo que me deixaba ver un sorriso divino: buenosss díasssss. A cousa é rara. Eran case que as oito e media e, xa que logo, noite pechada. O corazón deume unha volta. Que fermosura, pensei. Case que me convirto.

E non aconteceu porque cando ía entrar no súper, un neno, dende a caixa, berráballe moi alporizado á súa nai ao tempo que me sinalaba: ¡es el papá de Adriana!, ¡ese señor calvo es el papá de Adriana! Xúrolles que non teño nada que ver con iso. Que eu saiba. Por se acaso, decidín facer a compra noutro súper.

O mundo élles un lugar ben raro.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar