menu Menu
HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 13 (O testículo do can)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Febreiro 1, 2011 0 Comentarios 3 min lectura
NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (9) Anterior DOU GRAZAS Seguinte

O pasado domingo vivín unha historia realmente curiosa grazas a un can.

Estaba eu sacando cartos dun caixeiro cando sentín falar detrás miña.

Non puiden evitar escoitar a conversa que  mantiñan un tipo de mediana idade cunha muller duns trinta e pouco cun aspecto terrorífico de hipermegapija.

– ¿Yque tal va? – preguntou o home.

Eu metín o número PIN.

– Así, así – contestou a muller – al final era un quiste en el testículo.

Apertei as pernas. Por algo que aínda ninguén soubo explicarme, os machos mamíferos de todas as especies sentimos unha anguria terrible cando vemos que alguén sufre un golpe aí ou ten algún problema nese sitio. De feito, cando vemos que alguén recibe un balonazo nas partes nobres, sempre, sempre, verás aos homes apertando as pernas ou encolléndose con cara de pena nunha especie de solidariedade testicular automática.

Marquei a cantidade que quería sacar. Angustiadísimo.

– Lo llevé al veterinario -fitei de esguello e entendín que estaban a falar dun canciño con cara tristeira que estaba atado cunha correa á man da pija, resignado e que me fitaba como dicindo, xa ves.

Ela seguiu informando mentres eu lle dicía ao caixeiro que si, que quería un recibo en papel.

– Me dijeron que podía medicarlo a ver si le pasaba, pero mira, pensé que era mejor que le quitasen el testículo directamente. Acabamos antes. Con la medicación podía tardar un año, así que mira, en una horita en la clínica ya acabamos con el asunto. Si no, era un rollo ir allí todas las semanas a que lo vieran.

O caixeiro deume os cartos e eu fuxín dalí espantado, tremendo e sen ser quen de camiñar moi dereito. As palabras da pija rebotábanme na cabeza: para acabar antes cortáronlle un testículo ao can. Que crueldade innecesaria. Antes, boteille un ollo de novo ao pobre becho. Pareceume tristeiro e desamparadísimo.

Horas despois saín coa familia tomar algo antes de comer. De camiño ao bar de cada mañá de domingo, vin á muller moi alterada, camiñando moi rápido. Outra que viña de fronte e que sen dúbida a coñecía, parouna.

– Se me perdió el perro. Me senté ahí a tomar algo en la terraza y se me escapó con correa y todo. Tengo un agobio…

Tomamos unha caña e marchamos comer. Eu pensaba que, de ser o can, tamén escaparía non fora que me curtase o outro.

Camiño da miña casa hai un solar enorme onde andan a edificar e abrir unha nova rúa. Por alí volvín ver á dona do can, realmente preocupada.

E detrás dunha silveira, clandestinos, puiden ver ao canciño montando alegremente unha cadela. Os dous cunhas inmensas caras de felicidade. Coido que mirou para min, cómplice. Sorrinlle. Aliviado. Despois, marchei encantado da vida.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar