Mañá seguirei cos Apuntamentos sobre Lois Pereiro. Porque hoxe non me queda máis remedio que contarlles o que acaba de pasarme hai nada. Puro realismo máxico deste que lles explico aquí de cando en vez arredor da miña vida disparatada. Historias, sempre, reais como a vida mesma. E como a literatura tamén.
Ata que marchei estudar a Santiago fun moi deportista. Xoguei, e a un alto nivel (campionatos de España incluídos), a balonmán. Pero despois deixei xa non ese deporte, senón toda clase de exercicio. Como sempre digo: cando teño ganas de facer deporte, sento ata que se me pasa.
Mais dende hai uns días sufro unha especie de ataque de vigorexia. Imaxino que ten que ver cos 44 anos que xa teño. E que xa empezo a intuir que igual teño menos vida por diante que por detrás.
E que quero vivir moito.
Así que hoxe, xusto antes de cear, parapeteime coa roupa axeitada e dicidín que, cada noite, sairei correr. Ao comezo será un pequeno trote (hoxe foi así) para, aos poucos, ir subindo o ritmo. Coñézome. Son un tipo tenaz. Rematarei correndo algunha media maratón nuns aniños.
Se non infarto antes, claro.
Antes de saír collín o meu eReader, que para iso son un moderno, no que ademais de libros electrónicos teño verquidas centos de cancións que me fan compaña cada mañá, cando enceto a primeirísima hora o camiño cara o traballo. Puxen os auriculares, disposto a me comer o mundo. O deportista resucitado estaba a piques de saír ao estadio. Premín na opción de “aleatorio”, pois así teño garantía de que non vou escoitar o mesmo sempre. Que a máquina decida que é o que me quere poñer.
E palabra que o que comezou soar foi isto
Esmendrelleime de risa, claro. Que outra canción podía ser!
E alá fun, polo Areal para adiante, trotando cun sorriso que alumeaba todo, felicísimo, con estes atléticos acordes enchéndome por completo, dende os tímpanos á miña autoestima.
Este si que é un bo augurio!
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.