menu Menu
HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 4
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 1, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
EXEMPLOS A SEGUIR? Anterior O MACHISMO NA CULTURA Seguinte


Tomei conciencia verdadeira de que xa non era un neno aos 14 anos, cando namorei, perdidamente, dunha compañeira do instituto que non me fixo caso ningún. Foi o meu primeiro namoro.
Notei o arreguizo da vida, a luz, a calor do corazón en toda a súa forza a finais de 1º de BUP. Sería a primavera. Sería a súa face. Probablemente serían as hormonas.
Tanto ten.
Recordo con absoluta nitidez a escena: no autobús escolar, un día de excursión a Baiona, soaba Menta y Limón de Roque Narvaja na radio e eu, apoiado na ventá, tristísimo, ollaba para ela.
Aqueles versos da canción ( y espero despierto la mañana / fumándome el tiempo en la cama / llenando el espacio con tu cara / canela y carbón / mis manos son hielo sin tu espalda / mi frente un infierno sin tu calma / mis ojos que apenan la mirada / Menta y Limón ) contaban todo o que eu nunca ía ser capaz de dicirlle.
Pero expresaban perfectamente como me sentía diante dela, e cando ela non estaba, e cando me espertaba e cando me erguía e na clase e no patio no recreo e en todas partes ao tempo.
Aquela febre durou dous anos.
Non os esquecerei nunca a pesar do naufraxio.
Despois foi pasando. Apareceron outras luces, outras primaveras.
De todo aquilo quedou un pouso, como en tantas cousas, musical. E así, de cada vez que escoito a canción de Roque Narvaja ( unha das primeiras que aprendín a tocar na guitarra por motivos obvios ) non podo evitar lembrarme daquela rapaza, á que só volvín a ver moitos anos despois, agora non importa onde. Mireina pasar polo corredor do lugar onde estabamos entre milleiros de persoas. Atravesouno e marchou por unha porta.
Onte, no mesmo atasco absurdo de todas as mañás soaba na radio esta canción. Eu, coma sempre, cantaba nun berro máis ou menos afinado.
Á metade da canción ollei á miña dereita.
Unha muller máis ou menos do meu tempo, coa ventá aberta, cantaba coma min a mesma canción.
Era ela.
O semáforo púxose verde.
Marchamos. Un coa menta. Outra co limón.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar