menu Menú
HOMER SIMPSON, BEATO
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en octubre 25, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
Segunda edición para 'O ceo dos afogados' Anterior DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: Canción para Ánxel Casal, fusilado polos fascistas en 1936 (2ª parte) Siguiente

Os grandes iconoclastas da historia sempre son tratados igual. Ao principio son perseguidos, masacrados, prohibidos e satanizados, procurando así que ninguén os siga. Pero son atractivos. Pola súa actitude e, sobre todo, pola forza romántica dos seus argumentos. E daquela seguímolos. E adoptamos a súa mensaxe. E cambian a sociedade a pesar das inquisicións, vaticanos, talibáns, allatolahs ou o que sexa. Por iso, pasado un tempo, cando o poder entende que xa nada pode facer contra eles, son fagocitados polo sistema, consumidos polo status quo, e transformados en pequenos monicreques ao servizo daquelo que desprezaban. E así non é raro ver aos políticos, en canto poden, correndo a se fotografar cos malotes de turno, erixíndolles estatuas e chorando cando morren (a Lennon pasou o FBI de investigalo para botalo dos EUA a case proclamalo fillo adoptivo dos Estados Unidos tralo seu asasinato). Os Beatles, no ano 65 foron nomeados Membros do Imperio Británico, axudando así a anular parte da revolución que a súa música representaba. O ano pasado, o Vaticano recomendaba a súa música e parte da súa visión da vida como un exemplo para a mocidade.

E precisamente agora, o Vaticano, censores entre os censores, inquisidores entre os inquisidores, a través do seu voceiro formal que é L’Observatore Romano, atrévese con Homer Simpon, e din del que é un exemplo de home crente en Deus e que, do seu xeito de se comportar (supoño que o dirán polo seu amor, algo estraño pero amor, á familia) poden aprenderse valiosas pautas de comportamento.

O que realmente interesa de Homer Simpson é, como dixen, a súa iconoclasia, o seu rir do poder, o seu goce absoluto pola vida, o momento concreto, a súa capacidade para a festa. Levo anos véndoo co meu fillo, agora adolescente; a día de hoxe, tamén, coa miña pequerrecha. Porque prefiro, xa o dixen unha chea de veces, a familia Simpson e a súa verdade que o azucrado mundo de Disney. E creo, si, pero non polo mesmo que os curas, que se pode aprender moito desta familia, aínda que só sexa polo que, entre liñas, se nos está a dicir dende hai tantos anos.

Así que, como comprenderán, que tamén ao Papa lle guste a amarela familia, amólame un pouco. En realidade, amólame moito.

Rematarán, xa o verán, facendo a Homer beato.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar