menu Menu
HOMES LENDO, MULLERES LENDO
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xaneiro 14, 2010 0 Comentarios 1 min lectura
HIPOCRISÍA DIANTE DO TREMOR EN HAITÍ Anterior HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 12 (CRÓNICA DUN MUNDO RARO) Seguinte

rapazas lendo

Pasei o serán coa miña cativa de ano e medio, por segunda vez esta semana, na sección de infantil dunha librería viguesa. Ela fedella por aquí e por acolá, e eu voume fixando en que libros son os que máis chaman a súa atención e, despois, mercámolos.

Foron case que dúas horas alí, lendo xuntos. E observando como outros pais (hoxe non había nais) facían o mesmo ca min cos seus cativos e cativas. Daquela, fomentamos a lectura entre os nosos pequechos e pequechas. E estou empregando os dous xéneros non para ser politicamente correcto, senón polo que vén agora.

Durante todo ese tempo, só entraron, nesa sección, onde tamén están as coleccións para mozos e para mozas (sego), catro rapazas adolescentes. Agora non digo rapaces. Digo rapazas. Coido que todos temos observado o fenómeno: elas son as que len, elas son as que están nas exposicións, elas son as que máis van ao teatro.

Igual perdo todos os meus lectores varóns despois de dicir isto, pero así son as cousas. Estimúlasenos por igual para que leamos. Sen embargo, elas mantéñense máis fieis á lectura.

Collín os libros e pagueinos. Camiño da casa, pasei por unha tenda de videoxogos e consolas. Estaba chea de rapaces.

En masculino.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar