menu Menu
HOXE FALAREI DE CARLA BRUNI E LETIZIA (UNHA REPUBLICANA REFLEXIÓN)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 13, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
CONTOS PARA PARVOS (E PARA PARVAS) Anterior MÁIS PRADOLONGO Seguinte

O certo é que Carmen Posadas non é escritora da miña devoción. Pero que queren que lles diga. Entendo que neste artigo ten toda a razón do mundo cando fala de que algunhas mulleres que ocupan papeis relevantes dende o punto de vista social e que, xa que logo, poderían servir de exemplo para as demais, o que fan é adoptar unha actitude “propia dos anos 50”, ao convertirse en mulleres modelo ao rabo dos seus homes e, así, curiosamente, gañar en popularidade.

E ollo que a cousa ten o seu aquel porque tanto Carla Bruni, como Letizia Ortiz como Michelle (a muller de Obama, non sei o seu apelido) son tamén mellor valoradas polas propias mulleres cantos máis pasos por detrás dos seus homes van.

En definitiva, que unha pena moi grande.

Lembro cando se deu a nova de que Felipe de Borbón xa tiña moza para casar. Falouse de que era unha muller moderna, falouse da súa preparación, da súa profesionalidade. Ou sexa, falouse dunha muller do século XXI. Unha trola de carallo. Porque se fose realmente unha muller moderna, unha profesional, etc., seguiría traballando, seguiría desenvolvendo a súa carreira e non se retiraría para se converte en nai de futuros reis e infantes ou como sexa que se lles chame, que é o que precisamente fan (traballar, seguir formándose, medrar na súa ambición profesional) as mulleres do século XXI (esta é unha republicana reflexión para un día moi especial).

Así que prefiro á Carla Bruni da foto, que se deitou con quen lle apeteceu e que o conta como un exercicio de liberdade que a de hoxe, señora de Sarkozy. Prefiro as presentadoras do telexornal que, cando se emparellan, non renuncian ao seu traballo. Prefiro que non existan primeiras damas. Preferiría – palabra de republicano – que as feministas españolas iniciaran unha campaña para que a herdeira ao trono fose Elena de Borbón, por iso de que foi a primeira en chegar á festa e porque non é tolerable (as monarquías non o son neste XXI postmoderno) que por seren mulleres (hai dúas antes que Felipe) que non poidan ser Xefas do Estado por teren útero.

Mágoa de mulleres. Mágoa de realezas neste mundo irreal.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar