menu Menu
INJLIS PITINJLIS NA TVG
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Novembro 4, 2009 0 Comentarios 4 min lectura
¿QUE É SER GALEGO? Anterior UN XORNALISMO SECUESTRADO Seguinte

teletubbies

Onte, no Faro de Vigo, publicáronme este artigo que vos deixo aquí.

 

‘INJLIS PITINJLIS’ NA TVG

Cando eu era neno –e xa choveu- faciamos esa brincadeira co asunto do noso descoñecemento do inglés e diciamos que falabamos injlis pitinjlis cando soltabamos pola boca algo que podía parecerse mais ou menos un pouco á lingua de Shakespeare. E iso que eu xa son da xeración que estudou inglés nos colexios e institutos e que, coma tantos, non o aprendeu. Como moito, aprendín a aprobar os exames. E que me perdoen os profes de inglés (teño algún que igual deixa de selo desdpois deste artigo), pero aprender, o que se di aprender, non se aprendía, e seica non se aprende tampouco de todo hoxe. Mais isto, veño oíndo dende que era neno, non lles pasaba aos nosos veciños portugueses. O tópico dicía que eles sabían falar inglés porque como non vían as películas dobradas, senón na súa lingua orixinal, pois daquela xa o aprendían dun xeito natural.

Agora, os responsables da actual programación televisiva da galega queren sacarnos a todos e para sempre do injlis pitinjlis a base de meternos o inglés directamente dende a infancia ao xeito portugués. Sabido é que os cativiños poden aprender calquera lingua con facilidade (por iso os nenos chineses aprenden chino mandarín sen esforzo), e debe de ser por iso, digo, que na galega, a día de hoxe, están a pasar os Teletubbies, ¡no seu orixinal inglés e subtitulado en galego! Lembremos que a serie é para nenos de 1 a 3 anos, é dicir, para nenos e nenas que aínda non saben ler. A cousa, non me digan, é fantástica. Están aínda adquirindo a lingua e, en troques de pasarlles os bonequiños na lingua propia (cando menos a lingua propia da TVG debe de ser o galego) danllo en inglés mais, iso si, coa posibilidade de que lean en galego aínda que non saiban ler porque non poden de pequenos que son.

 

Por se isto fora pouco, achamos que na segunda canle da galega, están a emitir a serie A xuíza Amy tamén en inglés pero aquí, claro, como xa é para adultos e adultas, sen subtítulos en galego (o cal contravén gravemente o Artigo 1º da Lei de Fundación da CRTVG) nin dobraxe de ningunha clase. Porque aquí, injlis pitinjlis sabe todo o mundo así que para que imos dobrar ou subtitular. E para moi pronto está programada a emisión da a serie Dawson´s Creek só subtitulada. Interesante pode ser o dato de que no resto das autonómicas emitiuse dobrada ás linguas correspondentes. En todas.

A cousa é, cando menos, surrealista, disparatada e escandalosa. E pregunto: ¿toleraríase que en La 2 se pasaran series no orixinal inglés sen subtítulos?, ¿toleraríase un programa infantil en Televisión Española para bebés ou case bebés nos que para seguir o argumento se lles esixise saber ler?, ¿ou é que os responsables da TVG coidan que os nosos cativos e cativas son lectores precoces e superdotados?

Oxalá fose algo disto.

Cheira máis a galegofobia pura e dura.

O galego, aos poucos, vai desaparecendo da propia televisión nosa. Non vou perder tempo en explicar o importantísimo labor que a tele desenvolve na creación de conciencias, de hábitos, de pensamentos e de visións do mundo. Que a nosa propia lingua vaia desaparecendo da televisión (xa case que non existe na medida en que hai tropecentasmil canles en castelán e só unha en galego) é algo realmente grave. Alguén debería de facer algo.

Por dignidade e por puro sentido común.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar