Tal día coma hoxe, Paul McCartney lanzaba un comunicado á prensa anunciando a disolución dos Beatles. Medio século despois, o eco daquel BigBang cultural, a fin do soño, como lle chamou John Lennon, aínda ecoa nas conciencias de moitas e de moitos que, malia non vivilo en directo (eu tiña 3 anos), aínda fantasiamos coa idea de que se xunten…aínda que só dous deles estean vivos (teño as entradas para o concerto de Macca dende hai meses, sería en xuño deste ano en Barcelona, pero o virus, seguramente, fará que se prohiba a súa celebración). Ata 1980, cando Lennon é asasinado, era a pregunta obrigada que se lles facía. Cando ides volver. E poucas veces tantos sentimos máis alivio que naquel 1995, cando os tres sobrevivintes se xuntaban para facer o glorioso Antology. Velos xuntos, ben, sen rifar, era sentir o alivio que se sente cando vemos a familiares que hai moito que non se falan compartindo un viño. Somos así. E non hai que lle facer.
Un clásico, dicía Italo Calvino referíndose aos libros, é aquela obra que ten unha mensaxe para a súa época e para todas as épocas. Nese sentido, e independentemente de como vaia envellecendo a súa música (vai facéndoo realmente ben en liñas xerais), os Beatles son uns clásicos. Non por vellos, senón no senso no que o expresa Calvino. Foron unha mensaxe de rebeldía e alegre visión do mundo no seu tempo. Son unha mensaxe de rigorosidade artística e de valores a defender aínda hoxe. Os que os escoitamos, ou cantamos (quen non aspira a tocar ben na guitarra os seus temas?), a diario, ou Eight days a week, sabemos que é certo aquilo que a película “Yesterday” planteaba o ano pasado: que un mundo sen eles sería un mundo peor. E non me refiro só á música, senón a todo o que significaron no territorio da iconoclastia e o utopismo.
Cancións como All you need is love do ano 67 (por algo se chamou “o verán do amor”) valen para aquel instante hippie pero vale para o mundo Postpandemia que estamos a piques de inaugurar. Porque cae o mundo da Globalización, o capitalismo como O Mellor Sistema Posible foise a paseo e somos conscientes de que hai que inventarse outra cousa. Como Nietzsche profetizou, toca decidir se queremos ser Bestas ou Superhomes. Ou sexa, a Ultradereita ou valores como os que expresa esa canción: nada hai que non se poida conseguir se o queremos conseguir. Como? Movidos polo Amor. E non hai que facer unha lectura inxenua. Heráclito, 25 séculos antes, dixo o mesmo: o motor do mundo é o amor.
Pasou medio século dende que o soño máis fermoso rematou. Xeracións enteiras namoramos daqueles catro (moito máis difícil nos é namorar deles por separado) que, sen saber música (e menos mal, por iso puideron ser tan ousados) lle deron a volta xa non só a industria musical senón, directamente, aos valores imperantes en Occidente. Como digo, alén da música, a mensaxe de alegre revolución para millóns de persoas segue perfectamente vivo. E sentímolo cando cruzamos o paso de cebra de Abbey Road. Ou cando alguén, dende un balcón, entona Imagine cos seus veciños.
Hoxe, coma cada día, será un A day in the life glorioso. Porque o mundo, si, é mellor, porque estes catro andiveron polo planeta adiante.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.