Nos últimos tempos paso os seráns dos sábados visitando algunha exposición no meu Vigo, coa miña pequecha.
Hoxe recalamos nunha que lle tiña moitas ganas: LATITUDE 20º N LONXITUDE 37º W. Estamos diante do resultado do traballo do xornalista de El Mundo, Fernando L. Quintela que estes días pode verse no Centro Cultural Caixanova. O periodista embarcou o pasado mes de Xuño nun caiuco. Retratou, antes, a vida da xente. Despois, a travesía e o rescate. En definitiva, a agonía.
A mostra é absolutamente impresionante e, por certo, totalmente imprescindible. Oxalá máis xornalistas puxeran o seu traballo ao servizo da denuncia. Porque, nas súas fotos, achamos, sobre todo, a evidencia da soidade. Esta xente está, no fundamental, soa. No Primeiro Mundo fartámonos de falar de redes sociais, de xeracións nin-nin e de se Raúl debe volver ou non á selección. Por iso a súa soidade é máis grande aínda. Non é só que teñan que soportar unha realidade terrible que os leva – previo pago ás mafias, moitas deles desta beira do mar – a meterse no medio do mar máis bravo. Están sós porque, polo xeral, aos que vivimos aquí non nos preocupa moito a súa soidade. Daquela é unha soidade dobre, maiúscula, absoluta, superlativa. Abafante e que debería – pero non vai acontecer – avergoñarnos.
Son as fotos da tristura e da desesperanza, as instantáneas de todas as cuestións que merecen ser formuladas: se a vida é digna de ser vivida, se non compensa a viaxe con perigo de morte na procura da esperanza, se para que todo se quizais non hai un onde.
Remata, aínda, o vindeiro 14 de marzo.
Non deixedes de ir.
Serviravos, creo, para posicionarvos no mundo. Na latitude e lonxitude correctas.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.