Hoxe Antena 3 estrea un concurso que non creo que vexa, e que leva o provocador título de ¿Sabes más que un niño de primaria?. Aí na foto, o presentador.
Trátase de averiguar se un adulto sabe o que é un morfema, que son os mililitros, os decalitros e todo iso.
Cousas de primaria que calquera cativo controla.
Vendo os libros de 6º de Primaria non teño vergonza en recoñecer que non me lembro de moitas cousas. Nin nos da ESO. Nin nos de Bacharelato ( e iso que eu fixen o BUP, teoricamente, de máis nivel ). Xa que logo, fixéronnos aprender moitas cousas que, a fin de contas, só se trataba de memorizar. E suponse, segundo os programas oficiais, que todo iso hai que aprendelo cando nenos, para non esquecelo xamais.
Pero os adultos non o recordamos. Esquecémolo. ¿Canta xente adulta recorda como se divide con decimais?, ¿alguén se anima a dar a táboa dos elementos químicos?, ¿préstavos unha raíz cadrada sen calculadora?
Xa verán vostedes o que vai rir a xente concursando desde casa e descubrindo que non saben a fórmula da auga.
Todo isto a conta da seguinte reflexión: un pode andar pola vida sen saber o que é un morfema; un pode andar pola vida sen analizar sintácticamente; un pode andar pola vida sen saber o que é unha mitocondria. E así ad infinitum. Sen embargo, na escola insístese en que “aprendan” cousas, ese tipo de cousas ( é dicir, que memoricen e logo cuspan nun exame e despois esquezan ) moito máis que, xa o imaxinan, que lean ou que escriban. E a cousa paréceme preocupante: así como abandoan a primaria, moitos cativos non volven coller un libro. Na adolescencia iníciase unha deserción masiva do libro. Xa que logo, cousas que había que alicerzar en primaria, non se conseguiu que se asenten. Len en primaria. Os libros forman parte da súa formación. Os libros e as personaxes de ficción e dos contos. Poucos nenos en primaria hai que rexeiten o libro, incluso, o recomendado. Os pais sabemos ben do que estou a falar. E sabemos que en moitas clases de primaria hai Bibliotecas de Aula e que, ademais, se utilizan.
En primaria, máis ou menos, menos ou máis, van lendo. Pero despois, déixano.
Algo se estará a facer mal.
Que monten un concuso sobre iso. Doulles o título: ¿Les tanto coma un neno de primaria?
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.