Este luns terei o privilexio de visitar o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, onde tan bos momentos pasei o ano pasado falando dun dos meus libros (que os internos e internas tan xenerosamente levaron ao teatro), neste caso para unha conferencia que titulei Libros: con poucas palabras abrir moitos mundos. No básico, o que quero transmitirlles é a miña experiencia lectora, a forza da mesma, o básica e esencial que é na miña vida, explicar que é o que me deron, nestas catro décadas e pico de vida os libros, as historias que viven dentro, os personaxes que coñecín, os versos que me sacudiron, as obras de teatro que me fixeron vibrar.
No básico, os que me coñecedes xa sabedes que amo a literatura (tanto ler como escribir: ambas as dúas son caras complementarias, para min, da mesma experiencia) pola fonte inesgotable de pracer que supón. Dende neno asociei (e loito porque os meus fillos así o entendan, e cando era profe non facía outra cousa que lerlles bos textos que lles contaxiara o meu entusiasmo diante do que lles estaba a ler, falándolles enfebrecido, animado, do que estabamos lendo… e case que sempre, non sempre, pero case que sempre o contaxio se produciu) lectura e pracer, libros e goce, páxinas e felicidade. Por iso, como son un hedonista, un ser lúdico, un becho sentinte que quere gozar o máis posible, acepto aquelas actividades que me enchen máis. E iso fano os bos libros. Ademais, danme coñecemento, ideas sobre as que pensar, permítenme debater cos autores e, ás veces, incluso modificar o meu punto de vista sobre algúns aspectos da realidade e daquela, melloro como ser humano.
Quero reflexionar con eles sobre o pracer da literatura. Esta adicción marabillosa que nos leva a ler nos avións pero tamén nos cuartos de baño, na soidade do salón o día, rarísimo, en que nos deixan, ou no medio do parque coidando das crianzas. Pensar con eles sobre as bibliotecas e todo o que conteñen. En definitiva, darlles un anaco de min, do meu sentir, sabedor de que son moitos millóns de seres humanos os que compartimos esa experiencia gozosa e que nos comunicamos, así e sen nos coñecer, a través das palabras. E así entendereime eu a min mesmo e eles entenderanme un chisco máis. Porque eu non sería o mesmo sen os libros que me acompañan dende que teño uso de razón. Sería outro. Nin mellor nin peor. Outro. Non eu, dende logo.
De todo iso quero falar. De todo iso terei a sorte de falar.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.