menu Menu
Libros e libros e libros e libros
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Setembro 1, 2017 0 Comentarios 2 min lectura
Lendo o Principiño coa miña nena (sobre o hábito de ler) Anterior A ollada náufraga 4: Acetona Seguinte

Libros. Levo mercando libros dende a infancia e teño tantos tantos tantos tantos que me vexo obrigado a colocar uns enriba de outros, apertados nas moitas estanterías de casa (no salón, en todos os cuartos, de momento sálvanse os baños) e penso, calquera día van rebentar, caerán todos e morrerei aplastado debaixo deles, que morte máis literaria. En cada andel, e crédeme que teño moitos, hai unha parte de diante e unha detrás chea de libros, e sobre cada unha delas, libros, e entre elas, libros.

Por incrible que vos pareza, sei máis ou menos onde está cada un.

Libros. Dobro páxinas cando un texto me emociona, interesa, parece fermoso, fai pensar ou desagrada. Están pintados. Os parágrafos. As lapelas. Entre as liñas impresas, nun diálogo eterno coas escritoras e escritores. Con bolígrafo, con rotulador, con lápis, onte á noite, coa pintura (laranxa) que tiña a miña cativa e coa que estaba pintando. Tiña que suliñar. Sinto, parrula, pero necesito esa pintura para marcar este verso si ou si. Sesiente.

Libros. Meto entre eles, dende hai décadas, fotos, debuxos dos meus fillos, servilletas nas que anotei algo, recibos do caixeiro nos que escribín unha frase, reflexións relacionadas coa lectura. Cando os volvo coller polo que sexa, eses recordos están aí e saen para fóra, caen sobre o chan ou cáenme enriba se estou lendo na cama. Teñen aparecido fotos de meus pais, tan lembrados. Debuxos de meu fillo maior, cando era un cachiruliño. Libros, en todo caso, onde viven obxectos asociados á felicidade.

Na era do eBook (que uso e leo e gozo e amo), paso horas vendo a miña biblioteca. E son un tipo feliz. Que lle vou facer.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar