menu Menu
'Love me do', hai 50 anos
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xuño 6, 2012 0 Comentarios 2 min lectura
Entelequias diabólicas Anterior Conferencia en Pontevedra Seguinte


Tal día coma hoxe, pero de hai seis décadas, The Beatles gravaban a súa primeira canción “profesional”, Love me do, que sería o primeiro single e que conseguiu un discreto posto 17 nas listas de éxito británicas. Dende logo, non é das que máis me gustan. É unha composición de Lennon-McCartney, de cando botaban horas escribindo xuntos, nos cadernos escolares, soñando con que chegarían a algo nisto da música. Esta foi a primeira que se editou.

E logo, xa sabedes, a loucura.

Podo imaxinar a cara de excitación daqueles catro rapaciños de Liverpool aquel 6 de xuño de 1962, escoitando o vinilo unha e outra vez, naqueles xiradiscos do pleistoceno que, probablemente, soaban a gloria. Podo imaxinar a John, Paul, George e Ringo preguntándose se sería o primeiro…. e tamén o último. Podo imaxinarme o desleixo de moita xente escoitando aquela cancionciña algo convencional, cunha harmónica sosiña, convencidos de que eses catro pailanciños non ían chegar a ningures.

E logo, xa sabedes, a loucura.

Gusto moito de escoitar este tema. Que xa dixen que non é dos que máis me gustan. Pero porque foi o primeiro. O inicio. O comezo. O punto de partida. E maldigo e volvo maldicir non ter nacido vinte anos antes do que nacín para poder facelo en Liverpool e, un seis de xuño de 1962, pasar por diante das tendas de discos de Brian Epstein -mánager deles- para entrar e mercar un dos primeiros exemplares. Levaríao para casa. E hoxe, case que vello, enchería os ollos de bágoas lembrando aquela vez primeira co disco na man.

Xa sabedes, a loucura.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar