A miña pequena vai cumprir dous anos. E na súa lingua de trapo é galegofalante completa. Pide ir «ao chan» e chámanlle a atención «os cans». Vaise disfrazar de «carrapuchiña» e todo iso que xa imaxinades.
Na casa fálase galego e transmítese a lingua con amor e devoción.
Pero chegou Pocoyó.
Un familiar deulle un DVD coas dúas primeiras tempadas do pequerrecho azul (por outra banda, hai que recoñecelo, divertidísimo). Nun dos capítulos, a historia gravita arredor dun xoguete deses que serven para facer burbullas de xabón. Cunha cousa desas a miña nena métese na bañeira e ela sopra e eu sopro.
Onte díxenlle:
– Mira, para facer burbullas. Como Pocoyó!
– Burbujas – dixo ela en perfecto castelán de Pocoyó.
– Si, chuliña – contestei eu con voz melosa – iso é, bur-bu-llas.
– Burbujas! – repetiu ela con máis énfase.
– Si, meu amor, si, bur-bu-llas, bur-bu-llas… como Pocoyó, ¿a ver como era que se dicía?
– Burbujas! – confirmou insistente, tal Pocoyó.
Mireina moi serio. Pensei nos de Galicia Bilingüe, que insisten en que co actual sistema hai nenos que non aprenden o español. Ollándoa coa miña ollada máis amorosa, sentenciei:
– Pompas, miña rula. Son pompas.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.