menu Menú
MARILYN MONROE: NÁUFRAGA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en enero 8, 2012 0 Comentarios 2 min lectura
CANDO TODO COMEZOU (BABY'S IN BLACK) Anterior SE EU FOSE INVISIBLE... Siguiente

Nunca sentín unha especial atracción pola figura de Marilyn Monroe. Quero dicir que, a diferenza doutros compañeiros masculinos, a loura do luar nunca me seduciu especialmente, aínda que debo recoñecer que, a medida que me vou facendo máis vello, gusto máis dela tamén fisicamente. Nembargantes, de Marilyn sempre me interesou o que había máis aló daquela ollada que esperaba o desexo, máis dentro daquel corpo absolutamente perfecto, no interior daquela beleza sobrenatural e deliciosa. Como tantos, ela morreu moitos anos antes de eu nacer e, daquela, era xa un mito moi vello cando eu comezo a abrir os ollos (que manteño moooooooi abertos) á beleza feminina e as iconas que nos plantean. E Marilyn non me interesaba. Pero si Norma Jean, aquela nena maltratada pola nai, polos homes, obxecto dunha cousificación abraiante. Norma Jean, a eterna infeliz.

Nos últimos anos están a emitirse na televisión documentais sobre ela elaborados a partir do material, recentemente divulgado, das gravacións das sesións co seu psicoterapeuta. A escoita desas cintas preséntan unha muller que sufre e que busca acubillo na literatura, concretamente na poesía. Así, e a pesar do moito que mudou de residencia, os seus libros foron sempre con ela. Unha e outra vez. Como o seu tesouro máis querido.

Daquela, non é de estrañar que hai unhas semanas se deran a coñecer, en forma de libro, algúns dos poemas que escribiu e que nos presentan unha muller que atopa nas palabras refuxio, claridade e, que, dalgunha maneira, lle salvan a vida. Un entrégase ás interioridades daquela escrita que Norma Jean fai con vocación estética (non son unha enxurrada máis ou menos caótica de verbas sen sentido; non son un diario atrapallado sen orde ningunha) e asómase ao interior dun ser que podería ter sido tremendamente interesante se algún home (ou muller) se tivese achegado a ela con vocación de ver dentro do seu corazón, é dicir, máis dentro do seu escote.

Marilyn era unha náufraga. Sabíase soa, como todos os náufragos. E só anceiaba atopar alguén que recollese a súa botella ao mar.

Para fundar illas de palabras, de agarimos e de luz.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar