menu Menu
MODA SI, MÚSICA SI, LITERATURA GALEGA NON
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 8, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
CALQUERA TEMPO PASADO SI FOI MELLOR Anterior DÍA DA DIVERSIÓN NO TRABALLO Seguinte

Ven de abrir en Pontevedra unha exposición que promete moito, titulada “Os 80, moda en Galicia. Singularidades”, e que explica como naquela década para algúns prodixiosa (nótase que estamos maiores, revisando a nosa mocidade) se conseguiu que todo o mundo sacase peito diante da marca Moda Galega. Aquí había motivos para gabarse do traballo de Gene Cabaleiro, Caramelo, Kina Fernández, Roberto Verino, Adolfo Domínguez, Florentino, Inditex, ou  Antonio Pernas entre outros. Esa moda galega triunfaba fóra, e aquí, insisto, e faciamos ben, veña a presumir.

Outro tanto pasou coa música. Golpes Bajos, Siniestro Total, Bromea o que, Aerolineas Federales, Semen Up… eran nomes que sentaban cátedra fóra das nosas fronteiras e que nos facían encher de orgullo e, incluso, ser máis altos.

Moito antes que o Gadis, xa preumiamos de galegos.

Porque a moda de aquí era moi boa.

Porque a música de aquí era moi boa.

Sen embargo, a literatura… ¿que pasou con ela?

Estamos todos de acordo en que a mellor poesía dos últimos tempos foi a da década dos ointenta. E na narrativa demos ao prelo obras ben interesantes. Sen embargo, a etiqueta literatura galega xa non só é que non callara fóra de Galicia, senón que, entre os propios galegos, tampouco había moita xente que sacase peito diante dos eloxios da crítica porque, entre outras cousas, non importaba un carallo, con perdón.

A pregunta é obvia. Trinta anos despois é obvia: ¿por que pasou isto?

A resposta é obvia. Trinta anos despois é obvia. Pola lingua. Ou dito doutra maneira: que a meirande parte dos galegos están por defender o propio se non é en galego. A moda non fala con sete vogais. A música que facían aqueles grupos era nun 99 por cento en castelán. Os escritores galegos, pois xa se sabe, escribindo en galego. Xa que logo, os galegos e galegas non os tomar0n en serio.

Trinta anos despois convén facernos estas reflexións e preguntarnos, de paso, se mellorou algo a consideración que, en xeral, teñen os nosos paisanos de nós.

Eu prefiro non respostar.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar