menu Menu
Morte
Un poema
Por Francisco Castro Publicado en Para ler en Marzo 30, 2019 0 Comentarios 2 min lectura
A inmortalidade Anterior Vamos a celebrar el Sant Jordi Seguinte

 

sempre me preguntei como é posible que os soldados obedezan e sexan quen de botarse ao campo de batalla

fóra do acubillo de lama e humanidade da trincheira

cando o xeneral lles di que avancen que corran cara as liñas imimigas que disparen que carguen a metralladora que ánimo os meus valentes

como é que non se negan

como é que non volven as armas contra quen lles manda avanzar

 

e non é este un discurso riquiño pacificista non o é

 

estou a falar de filosofía

(todo este libro é un libro de filosofía)

 

sinto ao escribir estas palabras

carguen!

ao ataque!

avancen!

animo os meus valentes!

a vertixe eléctrica case de grima ao poñerme na pel desas cabezas que saben que se avanzan poden morrer e pasar a ser en segundos só un corpo tirado nun campo de batalla que o mundo desaparecerá para eles e que saben que

se desobedecen ou mellor

disparan ao xeneral

haberá vida para eles

serán covardes pero vivos

 

se hai unha dor metafísica é esa

se hai unha interrogación suprema é esa

 

como é posible participar en algo así

respirar durmir falar comer cagar escribir cartas cargar o fusil sabendo que quizais vas ser iso

un corpo tirado no medio dun campo de batalla

 

sempre me pareceu terrible a evidencia de

saber que agora estou

e quizais dez segundos despois de que o xeneral mande cargar xa non estou

deixo a vida

non sentirei máis o agarimo doutra pel

non poderei ter noites de amor de foder ata quedar durmido

non poderei comer e cantar nas vodas e dicir frases con dobre sentido en clara alusión sexual para que rían os meus amigos borrachos

non poderei cagar na nai que pariu ao presidente

xa non serei mais que o que conten os libros de historia que escribirán os que resistan ou xoguen mellor as súas cartas

 

se hai algo

atroz

é esa conciencia absoluta

na trincheira

de que é cuestión de segundos que un dos dous

compañeiro

desapareza para sempre

e o desexo

intenso

de que sexas ti e non eu a quen leve a morte

francisco castro morte poema


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar