menu Menú
NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (11)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Oficina de Objetos Perdidos en febrero 20, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
APROVEITEMOS PARA CARGARNOS A CULTURA Anterior OS PERIGOS DE LER NUN AVIÓN Siguiente

Hoxe chamáronme da Oficina de Obxectos Perdidos desta illa de náufrago, moi cedo, que fora correndo, que había un paquete gordísimo de libros e que, sendo libros, só podían ser para min. Vestinme a fume de carozo, moi contento. Xa sabedes que eu, coma Borges, penso o paradiso como unha gran biblioteca (pero con iPad, tamén, si). Cheguei case que sen folgos despois de tanto correr.

Abrín o paquete.

– Estes libros non son  meus – dixen moi serio.

O funcionario miroume con cara de que lle debía cartos, ou de que me odiaba.

– Como que non son seus. Aí está o seu nome, na primeira páxina- abriu un deles – ¿vaime dicir que esta non é a súa letra?, ¿que esta non é a súa sinatura?

Tiroume o volume á cara. El ben sabe dese costume meu, dende a infancia, de poñer o nome na primeira páxina e despois asinar. Arroxoumo con toda a intención de romperme os dentes.

Esquiveino polos pelos que non teño.

Achegueime ao mostrador e saquei todos os libros fóra.

– Mire, repare nos títulos – dixen coa miña mellor voz conciliadora para comezar a enumerar en voz alta – o Libro do Sentidiño, o Manual da Corrección, Tratado das Boas Maneiras, O Home Civilizado, Como facer amigos, Todas as claves para ser feliz… ¿parécelle a vostede que eu teño algo que ver con estas cousas?

– Pero o seu nome… a súa sinatura… – soltou nun fiíño de voz pois eu xa encetaba o camiño da saída.

– Igual foron meus. Pero xa non o son.

Alí quedaron todos.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar