menu Menú
NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (13)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Oficina de Objetos Perdidos en marzo 13, 2011 0 Comentarios 3 min lectura
POR QUE NOS ODIAN TANTO? Anterior DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: Hai un mar Siguiente


Cando era pequeno escoitaba, e xa me daban repelús, historias dos meus primos maiores, do  meu pai, dos meus tíos, sobre a grandeza da vida militar. Que se os mellores amigos facíanse na mili. Que se para ser un home había que ir á mili. Que xa verás cando esteas de imaginaria. Que divertidas as novatadas. E non pasa nada se te arrestan, todo curte. E xa verás o que é comer de todo. E ya verás que tipos más sanotes vas a conocer.

Na casa díxoseme unha e dúas e tres veces que a patria era o máis importante. E que o exército estaba para defendela. E que era unha  honra grande morrer polo País.

E diante do televisor falóuseme moitas veces, cando botaban desfiles, da fermosura da orde, do paso ao tempo, das liñas rectas, das cousas no seu sitio.

Pertenzo á primeira xeración de Obxectores de Conciencia deste país. Hoxe a prensa informaba de que hai dez anos que a mili obrigatoria desapareceu. E din tamén que a meirande parte dos mozos e mozas do estado español non teñen nin a máis mínima intención de «morrer polo seu país». Mais antes desa supresión da mili obrigatoria houbo un duro camiño de loita e, sobre todo, de resistencia psicolóxica diante das ameazas. Porque unha das cousas que se nos dixo daquela era que non iamos ter dereito ao voto ou, por exemplo, que non poderiamos ocupar unha praza na administración pública.

Eu díxeno sempre, dende moi pequeno: que non iría ao exército. Como en tantas cousas, non se me entendeu. Seica non quería convertirme nun home?, seica quería perderme a camaradería, as guardias pola noite, os si mi sargento e a sus órdenes mi general?

Si, claro que si.

Quería perderme todo iso. Non tiña interese ningún por iso. Lembro ser menos ca un adolescente e, discutindo con alguén da miña familia argumentar que non estaba disposto a acatar ordes de ninguén.

E nesas sigo. De feito, coido que alguén é verdadeiramente adulto cando comeza a desobedecer as ordes.

Así que podo dicir que esquecín o meu ardor guerreiro moi cedo. Para vergonza de moita xente que me coñecía.

A día de hoxe non o recuperei e, como Kant xa sentenciou no XVIII, estou certo de que non habería guerras de non existir os exércitos. Chamádelle demagoxia. Pero penso que sería un camiño posible pola paz. Suprimir os exércitos. Suprimir os gastos militares. Moitos dos conflitos bélicos que hai polo mundo, provocados e mantidos por nós polos nosos intereses, ía ser máis complexo que perduraran.

Coido que son un pésimo patriota.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar