menu Menu
NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (7)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Oficina de Obxectos Perdidos en Xaneiro 23, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: Esta lingua non quere vivir na favela Anterior NEGRATAS Seguinte

Unha das cousas que fago e volvo facer dende que teño recordo, é ler. Todos os días sen excepción. Así que comprenderedes a miña desesperación, que sei que moitos de vós tamén sentides en moitas ocasións, cando pasan os libros e pasan as páxinas e os volumes e non dades atopado un texto arrasador, unha historia que vos atrape e non vos solte, uns versos que vos fagan un furado no medio do cerebro ou do corazón. É un dos males dos que lemos tanto. Que xa hai pouco que nos namore.

E por iso, tamén, cando atopamos un texto que nos sacude, a felicidade é tanta.

Quizais por iso, levaba varios días pensando en J.D. Salinger e o seu O vixía no centeo. Obrigáronmo a ler cando tiña quince anos. Faltaba máis a clase do que acodía. Moita culpa tivo a dificultade para dixerir o primeiro de varios nons amorosos. Pero en canto abrín o libro xa non o soltei e, aquel ano (segundo de BUP), non me perdía nin unha soa clase de literatura porque deste libro se falaba.

Levaba días, xa o dixen, pensando en Salinger e naquelas sensacións lectoras. Por iso hoxe fun dereitiño para a miña biblioteca, a que teño neste mesmo estudio de náufrago dende o que case que a diario vos escribo, para remexer nos libros e atopar exactamente aquel exemplar da miña adolescencia. Preñado de melancolía pola boa literatura, tiña que atopalo para descobrir que foi o que me excitou tanto cando aprendía a ler de verdade. E despois de tirar moitos libros ao chan, de recolocar centos, de cambiar de lugar ducias, apareceu. Velaí está a foto da edición que eu tiven que ler. Leva un número, o 11, porque daquela eran os meus primeiros libros e numerábaos. Leva o meu nome cos dous apelidos nunha letra aínda lexible que agora xa non recoñecería como miña.

É a letra que, cando eu xa non estea, os meus descendentes mirarán con afán curioso ou quizais desleixo…

Co libro á fin nas mans sentei. Rodeado de libros. E non sei por que, descalzo.

Abrino e atopeime de novo con Holden, con aquel rapaz desadaptado de todo con aquela mirada envexable.

E o pracer volveu todo. E entendín de paso, e iso si que non o sabía, todo o que este libro e este estilo marabilloso teñen deixado en min como persoa e como escritor.

Hoxe este náufrago volve ser un lector feliz.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar