Parece que non.
Pero si.
Parece que como vivimos nesta exposición permanente de blogs, facebooks, twitters, etc., contámolo todo e que todos saben todo de nós.
Pero non é así.
Para nada é así.
Hoxe saín pasear por esta illa de náufrago, matinando nestes asuntos, reflexionando con calma sobre a tendencia de moitos e de moitas a exhibirse por completo, con quen andan, que fan, onde van, que sinten… sobre ese costume algo impúdico de poñer diante dos nosos ollos atónitos a súa vida de maneira tan descarnada.
E pensei ata que punto iso era algo bo.
E pensei que quizais tanto poñelo todo debaixo dos focos era unha maneira de un perderse a si mesmo.
Mais daquela lembrei que eu, coma ti que estás a lerme, coma tantos e coma tantas, sempre agochamos algún segredo que nunca diremos a ninguén. Que todos temos aló no fondo da memoria algunha lembranza que só ten que ver con nós e con, por exemplo, contigo, ou con nós e, por exemplo, con eles ou elas. E que iso nunca sairá á luz.
Todo isto para explicar que ao chegar ao máis profundo da reflexión atopei aquel recordo fermosísimo dos catorce anos, aquela lembranza que é só miña e que aínda me emociona-
Direivos que esa memoria morrerá comigo.
Téñoa agora diante dos ollos. E sorrío.
De aquí non sae.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.