menu Menu
NETFLIXIZACIÓN. Decidirán os algoritmos como debemos escribir e editar?
Lectoras e lectores monitorizados. A literatura e o BIG DATA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Textos para o debate en Outubro 18, 2019 0 Comentarios 5 min lectura
Recital en Nova York en The Bowery Poetry Club Anterior Bilingual Societies and Sustainability: Spain’s other languages Seguinte

Lectores conectados a sensores que miden as súas reaccións cando len un texto inédito, lectores monitorizados para estudar o movemento dos seus ollos ao ler, as súas reaccións cerebrais para saber se se aburren ou están realmente interesados, máquinas que analizan, con eses sensores, en que momento o libro deixa de ser interesante….

No pasado LIBER que se celebrou en Madrid a primeiros de outubro, aprendín, coma sempre, moito. O máis interesante dese tipo de citas é ver por onde vai o sector, cales son as tendencias e, sobre todo, escoitar aos gurús da edición que nos contan (non sempre acertan) por onde vai ir o mundo dos libros, o mercado, a distribución, as librerías…

Nesta ocasión, houbo unha mesa redonda, dentro das Xornadas Profesionais, que me impactou especialmente. Falouse de como os grandes grupos editoriais, nalgúns países como Estados Unidos (pero xa vai empezar a implementarse no estado español en nada) monitorizan lectoras e lectores para estudar, con axuda do procesamento de datos, as súas reaccións, fisiolóxicas, a nivel mental , cognitivo, de atención, etc., diante de determinados textos para, en función diso, decidir.

Explicaron como se lles conecta aos sensores e se lles dá, por exemplo, varias propostas de cuberta dun libro, para, en función de como reaccionen, decidir cal ten que ser a portada dese volume. Ata o de agora eramos os editores e editoras os que, con axuda dos responsables de Deseño, apostabamos por unha liña gráfica, intuiamos como podería vestirse ben un libro segundo os criterios decididos para a imaxe desa colección da nosa editorial. Este novo procedemento, cambia as regras do xogo por completo.

Sen embargo, isto non é o máis importante. O que máis me chamou a atención foi que os responsables dunha empresa que xa ofrece este tipo de servizos ás editoriais, explicaron que o que se está facendo é pasar os orixinais que a editorial ten que valorar para ver se o publica ou non, a un grupo de lectores e lectoras (monitorizados) para medir como reaccionan mentres len, se manteñen ou non a concentración, en que capítulos ou parágrafos se aburren, ou cando están xa predispostos para deixar o libro.

Cal é a finalidade da recollida de toda esta información?

Unha editora moi emocionada con este tipo de prácticas novas explicaba que isto non só vai axudar aos editores e editoras para decidir con máis éxito se debemos publicar ou non un libro (pois teremos a “seguridade” de que “vai gustar ao público”), senón que, sobre todo, “axudará aos escritores a escribir mellor”. É dicir, en función desas reaccións, os autores e autoras saberán que parágrafos alixeirar (porque son aburridos), como mellorar a trama, a estrutura, sobre que temas incidir, se ese final está ben feito, etc.

Diante de todo isto preguntei, e pregunto aquí, onde queda a literatura. Porque ata o de agora, a literatura, a gran literatura, tiña moito de experimentación, de asumir riscos que “o público” (ese que se monitoriza) quizais nun primeiro momento non  pode asumir, aínda que só sexa pola novidade. Harry Potter necesitou unha chea de visitas a editoriais, porque se lle rexeitaba, ata que atopou a lectora que entendeu todo o que había dentro do libro. Intúo que grandes obras que hoxe consideramos clásicas e imprescindibles dentro do canon, hoxe non pasarían esta proba. Penso no Ulyses de Joyce. Ou en calquera dos libros de aforismos de Nietzsche. Por só dicir un par deles.

Nesa mesa redonda explicouse (pero como se fose algo marabilloso) o que alí se chamou netfilixización da literatura, como cada vez máis a edición se parecerá ao xeito de traballar de Netflix, que pode analizar en tempo case real as “reaccións”, a través do algoritmo, do que é consumido ou non polos seus clientes. E se funciona tal tipo de historias, por aí se levará aos creadores, aí se meterán os cartos, por aí evoluirá a industria.

Eu entendo que, nesta tesitura, a literatura vai banalizarse cada día un pouco máis. Porque vai impoñerse un modelo de edición dedicado a satisfacer o que o público “quere”, independentemente ou non da súa calidade, e xa sabemos que o que o público “quere”, nestes tempos twitterizados, é o máis básico e doado de dixerir. Por iso sempre os McDonald’s están máis cheos que calquera outro sitio no que, por un par de euros máis, se poida comer mellor. Non discutimos que esa comida non é a mellor. Pero é a que o público quere.

Monitorización da literatura. Ou do que resulte desa acción. Igual nin literatura é.

.

edición lectura netflix twitter


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar