Xa dixen en moitísimas ocasións que as grandes firmas que influíron na miña vida de escritor, ademais dalgúns e dalgunhas do gremio, polo xeral foron sempre músicos. Igual queda mellor falar dos grandes clásicos e citar aos grandes nomes, pero no meu caso sempre recoñecín que Mortadelo y Filemón fixeron probablemente máis por min que os gregos, o cine moito máis que as clases de literatura e, sobre todo, o rock and roll máis que case que todo xunto (sen deixar a tele, claro, eu son fillo da televisión).
Dito isto, quero facer referencia ao traballo, case que descoñecido para o grande público mundial, de Jerry Leiber, que finou o pasado luns e que, canda Mike Stoller, asinou algunhas das letras máis importantes da historia do rock and roll. A sinatura Leiber-Stoller probablemente despois da de Lennon-McCartney é unha das máis famosas do mundo. Un selo de calidade. Unha garantía.
Leiber soubo poñerlle as palabras precisas a ese concepto de xuventude que, dende inicios da década dos sesenta do século pasado, aínda nos domina no imaxinario colectivo. A mocidade é igual a inconformismo, a paixón, a loucura, a utopía, a ganas de festa e de cambiar o mundo.
Os escritores, e el érao, sabemos da dificultade para atopar as palabras precisas para crear as atmosferas necesarias para o que queremos contar. Nos Obradoiros Literarios que imparto sempre lles digo o mesmo aos asistentes: á hora de escribir unha das cousas máis complicadas é atopar a atmosfera, ese marco de palabras que acariñan, anegan e dan senso último ao que escribimos. Leiber fixo iso. Por algo Elvis, os Rolling, e os Beatles, caeron seducidos polo seu xeito de contar.
O luns non morreu só un letrista de cancións. Morreu tamén un escritor fundamental para millóns de persoas que probablemente ignoraban que as letras que cantaban eran súas. Finou un escritor deses que nunca se perciben como tales. Pero que o son e con moita máis importacia que outros grandes sesudos que escriben tochos infumables (coma min, por exemplo).
Agora andará polo outro mundo (no que non creo), con Lennon e Harrison. Entre os tres parirán algún rock trepidante. Seguro que si.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.