menu Menú
NON TER PRÉSA PARA MATAR UNHA MULLER
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en diciembre 26, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
ANA BOTELLA E PLATÓN Anterior AS OBVIEDADES DO DISCURSO DE JUAN CARLOS Siguiente

Hoxe lin esta nova na que se nos explica que no Irán están vendo se é posible, en troques de asasinar unha muller adúltera a pedradas, facelo (pola presión internacional, ollo) aforcándoa. O seu delicto é que cometeu adulterio. Como comentan as autoridades dese país (relixiosas, claro, érache boa) o que pide a lei é a lapidación, é dicir, o que vedes nesa imaxe brutal: meter á muller na terra e logo, a pedrada limpa, matala. Pero están a ver se coa aforca amañan.

Lendo a nova, sacudíronme, coma un lóstrego de estrume, estas verbas do xefe del departamento de xusticia , «non hai présa..», Os xuristas están debatendo. Non hai présa. Ímola matar, pero tanto ten a fórmula.

Esas palabras caéronme na alma cunha dureza que me deixou doente para o resto do día.

Esta realidade é intolerable. E temos que volverlle pedir aos que nos gobernan, que non manteñan ningunha clase de relación con países onde a lexislación pode ser tan criminal coma esta. Corremos a bombardear aos civís no Iraq. Corremos a bloquear Cuba. Pero non facemos nada diante destas realidades brutais.

Independentemente das particularidades culturais de cada pobo,  hai unha ética mínima que ten que ver cos dereitos fundamentais das persoas, recollidos na Declaración dos Dereitos Humanos e que prohiben explicitamente e sen ningunha clase de dúbidas a pena de morte na forma que sexa. A «civilizada» inxección letal estadounidense, a desprezativa do tiro na caluga en público da China, a lapidación fundamentalista… calquera, todas, están sen dúbidas prohibidas pola ética máis mínima e a moral máis evidente.

Tamén por un básico sentido da humanidade.

Mentres non se aborden este tipo de problemáticas, moi poucas cousas seguirán a ter sentido. Mentres haxa nenos esperando para ser executados, mentres haxa mulleres esperando (non hai présa…) para ser asasinadas legalmente, mentres a realidade política e xurídica internacional siga sendo a merda que é, non temos dereito a pensar que evoluímos como especie.

Porque somos monstros. Monstros.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar